ELECCIONES 12-J

Bará: “Hai unha nova Galicia que pide paso”

Luís Bará, cos candidatos da lista do BNG en Pontevedra.
photo_camera Luís Bará, cos candidatos da lista do BNG en Pontevedra.
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra asegurou que o que pase en Vigo será decisivo para todo o país
nnn  O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, chamou á mobilización onte en Vigo. No peche de campaña pedíu a concentración do voto no Bloque xa que “uns poucos centos de votos poden inclinar a balanza”. Asegurou que o que aconteza nesta cidade será decisivo para todo o país e que apoiar a forzas sen representación equivale a votar ao Partido Popular.
Coa sensación de que esta campaña está a ser histórica para o BNG, Bará fixo un chamamento polo voto a Ana Pontón como a única forza que pode abrir un tempo novo para Galiza como alternativa real ao PP. “Hai unha nova Galiza que pide paso e este domingo ten que votar masivamente ao BNG”, subliñou.
Acompañado nunha ruada dende o Marco ata a Praza da Pedra polas tamén candidatas por Vigo Alexandra Fernández, Carmela González, Adrián Rodríguez, Raquel Pérez e Lois Pérez Castrillo, do portavoz municipal Xabier P. Igrexas, e doutros cargos orgánicos e institucionais, manifestou que o BNG ten boas vibracións, xa que “hai sensacións e datos moi favorables e positivos”, aínda que destacou que aínda non hai nada decidido porque o resultado está totalmente aberto e vaise decidir por pouco en cada provincia. 
Lembrou que en Pontevedra escóllense 22 representantes e que uns poucos centos de votos poden decidir un escano para o BNG ou para o Partido Popular. “Uns poucos centos de votos poden ser determinantes para inclinar a balanza non só na provincia de Pontevedra senón en toda Galiza e decidir o resultado na Xunta. Vigo será decisivo, sabemos que moita xente viguesa quere rachar coa parálise inversora na que teñen sumida á cidade as liortas partidistas de PP e PSOE; Vigo ten que ser o motor de Galiza e co BNG terá un goberno aliado”, subliñou.
Por iso nestas últimas horas o cabeza de cartel insistiu na necesidade dunha grande mobilización e un grande apoio ao Bloque Nacionalista Galego, voto que asegurou que vale por dous porque serve para derrotar á dereita e tamén para gañarlle ao centralismo, “por votar por unha Galiza máis xusta e por votar pola defensa dunha Galiza máis forte e con futuro”. 
Tamén fixo un chamamento a concentrar no BNG todo o voto do cambio galego, o voto inconformista, o voto da xente que quere ao país e unha Galiza mellor. “Que non se perda ningún voto porque a abstención e tamén o voto a forzas que non van ter representación favorece ao Partido Popular e é necesario que a maioría social que hai nesta comarca e na provincia se pronuncie a favor dunha forza política de futuro como é o BNG”, salientou, engadindo que “hai unha Galiza viva, orgullosa, ilusionada, unha nova Galiza que pide paso e o domingo esa nova Galiza que pide paso ten que votar masivamente ao BNG de Ana Pontón para facer historia e para termos por primeira vez unha presidenta que se poña á fronte, que é a presidenta que merece este país”, destacou.
Como anécdota, Bará afirmou que a campaña descubriu sentimentos, ideas e palabras novas “e eu penso que a palabra desta campaña pode ser ‘pontonizar’ que significa seducir, engaiolar, comunicar con magnetismo e con paixón. No BNG estamos pontonizando o país, estámolo enchendo de ilusión, esperanza e confianza en nós, de orgullo e autoestima, enerxía para impulsar o país cara ao futuro”. 
En canto á campaña, destacou que está a ser histórica para o BNG no traballo presencial, con actos multitudinarios e todas as garantías de seguridade. Tamén destacou que foi unha campaña longa, prolongada no tempo e con moita presenza no territorio, onde toda a candidatura do BNG fixo un traballo extraordinario, e acompañada unha grande actividade nas redes sociais, “que desta vez marcou a diferenza”. Por último, Bará destacou o posicionamento público de moita xente a favor do BNG, sobre todo no ámbito da Cultura. 
Como resumo de campaña Bará utilizou a palabra “ilusión”, xa que ao seu entender o BNG mobilizou “unha grande onda de ilusión e esperanza arredor da candidatura de Ana Pontón, cunha campaña magnética que foi ao longo do tempo atraendo e decantando e posicionando a moitísima xente a favor do BNG. Por un lado moita xente nova que vota por primeira vez, que votou a outras opcións e se manifestou a favor do BNG, tamén antigos votantes que volven votar BNG, e xente de toda condición e de toda idade”, finalizou.n

Te puede interesar