Opinión

As axudas a poeta famentos

Aseñora Valedora do Pobo (de Galicia) que loxicamente concede entrevistas en galego e/ou castelán, vaia por Deus, como fago eu que, unhas veces, escribo en galego e outras recorto castelán; é dicir, que unhas veces arre e outras veces xo, cabalo non te embales que xa trotaches abondo; a señora Valedora, Milagros Otero chamada, é ademais unha boa interprete, por non dicir cantante, desa música que pode ser barroca, medieval ou renacentista, entre outras, que os máis dos ignorantes coñecemos como clásica, como música clásica, aí lles queda o dato, por se acaso: é unha boa cantante. Ou non? A tal señora, entregou no Parlamento de Galicia uns sobres, aclarando ó parecer a súa conduta; uns sobres que espero que non foran lacrados. Sabe Deus o que haberá neles! É de sospeitar que non unha fonda análise da razón pola que, según ela, un oitenta por cento das sentencias que se recorren en primeira instancia son aceptadas; nin tampouco unha explicación de porque unhas actas, nas que se recollen datos que puideran ter sido necesarios prá elaboración da sentenza de condena, foron ignoradas. 
Ese oitenta por cento de sentenzas recorridas ofrécese, ós ollos do profano, coma un elevada cifra do bo siso xudicial, se un o contempla dende a positividade, pero como unha lamentable falta de xuízo, se un o fai dende a desesperanza. E que, ítem máis, ó parecer non se tiveran en conta na elaboración dunha condena unhas actas que agora parecen ser obxecto de interese, non alegra moito ou nada a triste paisaxe que dende a nosa ignorancia se contempla.
Ás mensuais alturas dende as que esta liñas son escritas, vésperas do San Fermín e da solta de cuadrúpedes no primeiro encerro pamplonés, ignorase a atención parlamentaria que se lle han prestar ós sobres e ignorase igualmente o que os tales e sobres conteñan nos seus ventres. Hai anos, moitos, tantos que agora dáme a risa, tamén eu entreguei uns cantos deles, que si ían lacrados, na comisión correspondente, un por cada deputado asinado a ela. Tivera eu unha idea que, contemplada agora, semellaría inxenua. O Ministerio de Cultura, daquela en mans de Javier Solana, tiña unha Orde pola que anualmente se lle concedían "axudas a escritores en apuros" e pensara eu que non estaría mal de todo que esa Orde tivera un espazo na nosa cultura máis secular e propia. Coñecía ben o procedemento pois Solana consultábanos a Casares e máis a min, tódolos anos, a cerca dos casos de necesidade existentes entre os escritores nosos e parecéume oportuno proceder en consecuencia. Entón falei con Solana, falei con Teresa Patricio Goulbeia que era a súa equivalente portuguesa, falei con Jack Lang, que o era na Francia, e mesmo falei cos conselleiros vasco e catalá, a fin de que me enviasen copia das súas correspondentes Ordes e poder proceder en consecuencia. Armeina boa. Redactouse a nosa Orde, convocouse a que se entendeu como preceptiva convocatoria e, por fin, concedéronse as axudas. Tres axudas que mitigasen algo as necesidades económicas de tres persoas que entregaran honrada e algo inxenuamente as súas vidas, cando menos contemplado dende hoxe, á defensa da súa lingua e da súa cultura que, cousa curiosa, eran as dos máis de nós e que foran colectiva e secularmente asediadas pola outra realidade que nos trouxera a historia do mesmo xeito que, a mesma historia, nos trouxera en tempos o latín que os galegos foramos transformando ata dar neste galego de m... que falamos hoxe
Que escándalo formou algunha prensa! Que era iso de subvencionar poetas, bramou máis dun xornalista subvencionado! O que non se lles discutía nin a sindicatos, nin a confesións relixiosas, nin a asociacións desto e do outro, discutíuselle ós escritores galegos e cuestionóuselle á Consellería de Cultura do Goberno de Galicia. A campaña foi demoledora, aí están as hemerotecas, pra seren debida e oportunamente consultadas. Tal foi a algarabía que, a oposición ó chamado Goberno Tripartito (algún ano haberá que repasar o DOG, os orzamentos correspondentes ós seus anos de goberno e máis o Diario de Sesións do Parlamento de Galicia pra ver quen, cos mesmos cartos, fixo máis en dous anos) sentiuse na obriga de requirir do conselleiro os nomes dos escritores "agraciados" coa medida. Sentín vergonza allea e requirín eu información de Francia, e Portugal, tamén de España, Euskadi e Cataluña incluídas. En ningures se formulara nunca tal pregunta. En Francia o ministro concedía as axudas segundo o seu propio criterio e, aínda máis, os escritores entregábanlle a caixa de resistencia mantida por eles propios pra que a distribuíse seguindo o seu persoal criterio e nunca, nunca, lle pediran contas. 
Pasei vergonza e negueime a dar en comisión, diante da prensa, ou sexa, púbicamente, os nomes dos beneficiados coa medida tomada. Collín os avultados expedientes, metinos en tantos sobres como deputados había na comisión, lacreinos e entregueillos a estes diante da prensa pero negándome a dar os nomes, que non a información diante do público asistente, delegando nos deputados a responsabilidade de que os nomes dos beneficiarios saísen á luz. Saíron ó día seguinte. Non sei o que levará dentro o sobre da Valedora. A estas alturas do verao o mesmo xa se sabe, de momento, cando isto escribo, non lle arrendo eu a ganancia á señora Valedora. Ó millor salvouna que cante millor ca min e ademais que dispoña dun ben afinado coro.

Te puede interesar