terceira división

O Atios comeza cunha vitoria no derbi do Louro

Adrián Mouriño protexe o esférico ante a presión dun futbolista do Pontellas.
photo_camera Adrián Mouriño protexe o esférico ante a presión dun futbolista do Pontellas.

O Atios obtivo onte a vitoria no primeiro encontro da súa historia en Terceira División e o fixo nun encontro especial porque chegou no derbi porriñés ante o Pontellas. Equipos de parroquias lindeiras que, durante moitos anos, loitaron en Preferente e Autonómica e agora comparten a última categoría estatal. 
O enfrontamento tamén estivo condicionado pola pandemia do coronavirus, que afecta a todos os ámbitos da vida e limitou a asistencia ó pequeno campo do Carballo. Aínda así, a tarde resultou emotiva e especial, sobre todo para o equipo local, que acadou os primeiros tres puntos do curso. 
Foi o Pontellas o que saiu máis concentrado ó terreo de xogo e pisou as inmediacións da portería defendida por Diego Pérez con frecuencia. O porteiro tivo que intervir nunha boa opción que desperdiciou Yago González. 
Pouco a poco, o Atios comezou a facer o seu xogo ante un Pontellas que perdía eficacia na presión. Da man dun activo Adrián Mouriño chegaron as mellores ocasións para os locais no primeiro acto, pero nin o extremo nin Manu Vilán nin Estefan acertaron a marcar. 
Os goles tardaron moito en chegar. De feito, o fixeron xa no último cuarto de hora de partido cando Cora, coa súa habitual velocidade, revolucionou o encontro. Nunha internada sacou o penalti. El mesmo executouno para envialo ó fondo da rede. 
Coa renda mínima para o Atios, o Pontellas tiña que dar un paso adiante para buscar o empate e o propio Cora aproveitouno para marcar o seu segundo tanto do día e do partido. Neste caso, recolleu un balón de Joni para superar a Toni Comesaña e asegurar a vitoria local. Un día histórico para o conxunto porriñés no seu estreno na Terceira División. Con medidas se seguridade, pero con toda a ledicia futbolística posible.

Atios: 
Diego Pérez, Ronald, Héctor, Estefan, Carlos Alonso (Cristian, min. 84), Javi González, De Paz, Antón (Marcos Pérez, min. 54), Manu Vilán (Cora, min. 54), Mouriño (Vila, min. 84), Quico Mintegui (Joni, min. 59).
Pontellas: 
Antonio Comesaña, Pablo Fernández, Fran Fernández, José Paramos (Hugo Pintus, min. 80), Edu, Luis Pozo, Javi Alonso, Yago González (Michael, min. 59), Maykel (Fernando Sánchez, min. 54), Rubén González (Iago Pérez, min. 80), Samu Rodríguez.
Goles: 
1-0, min. 79: Carlos Cora, de penalti; 2-0, min. 90: Carlos Cora. 
Árbitro: 
Rubén Extremadura. Amosou cartón amarelo a Antón Iglesias, do Atios e a Rubén González, Pablo Fernández e Edu polo Pontellas. 

Te puede interesar