atletismo

As lesións perderon

Uxía Pérez, nunha competición de cross, a súa principal especialidade.
photo_camera Uxía Pérez, nunha competición de cross, a súa principal especialidade.
Uxía Pérez volve á selección española cinco anos despois da última carreira internacional 
No ano 2014, a tudense Uxía Pérez Bugarín (Tui, 31 de outubro de 1997) competía por primeira vez coa selección española nunha proba internacional. Deste xeito, alcanzaba un punto na súa carreira ó que parecía chamada pola súa evolución dende nena. Non obstante, a que era incipiente carreira atlética truncouse uns meses despois polas lesións. Encadeadas, graves ou máis leves, durante case cinco anos, pero "agora mesmo, estou ben, adestrando mellor que nunca. Estou nunha concentración da selección española en Lisboa e o domingo compito no Campionato de Europa de campo a través, que é o importante", expresa a atleta do Baixo Miño.
Quere pasar páxina tras un calvario de doenzas. A máis grave, un édema óseo no pé mal recuperado que rematou nunha fractura o ano seguinte. Incluso coa ameaza da retirada, pero recuperouse. Xa pasaron dous anos e, nos seguintes, outros problemas na cadeira e algúns musculares cando reapareceu. En total, catro tempadas perdidas, dende 2015 ata o inicio de 2019. Moito tempo para unha corredora en formación e, de feito, a tudense pasou dunha estudante de Bacharelato a ser case graduada a falta dunha materia, de residir en Tui a facelo en León e de ser xuvenil a exprimir en Lisboa a súa última competición como atleta sub-23. Moito tempo, pero "nunca pensei en deixar o atletismo. Tiña seguro que ía seguir loitanto porque é o que me gusta. Sempre tes a ilusión de volver a ser internacional e, claro, ó final chegou, aínda que podía non chegar. Se non chego a entrar neste Europeo, tiña claro que non ía deixar o atletismo". 
Debido a isto, na carreira portuguesa do domingo a atleta buscará estar a un bo nivel e, sobre todo, "gozar da competición. Non podo poñerme ningún obxectivo concreto. Soamente quero pasalo ben e chegar baleira á liña de meta, é o principal". Iso si, o equipo parte con certas opcións de acadar unha posición dianteira na clasificación por seleccións. Aínda así, Uxía Pérez matiza que "non temos unha estratexia. Tentaremos correr ó máximo e canto máis adiante quedemos, mellor será a posición para a selección española". 
En todo caso, chegar a estar na liña de saída para a tudense xa é toda unha conquista porque era "o principal obxectivo da tempada. É un soño cumprido. É o que todo atleta quere, poder ser internacional coa selección española. Para poder estar no Europeo de cross tes que facer tres competicións, das que eliminas un resultado, e vai por puntos. Eu fun a todos e obtiven a clasificación no último. Saiume unha carrera moi boa, moi valente e conseguino". 
Dende o pasado domingo a deportista xa está en Lisboa co resto do equipo. "Teño moita ilusión", admite. E tamén explica que "unha vez aquí, os adestramentos non implican moito sacrificio. O de hoxe (onte para o lector) foi o último adestramento forte, pero xa queren que gardemos un pouco de enerxía. Agora consiste en preparar a competición, aproveitar a experiencia e facer equipo con todos os compañeiros". 
Tras a competición en Portugal, a do Baixo Miño baixará algo os adestramentos e despois regresará ás cargas tras cubrir o seu principal reto deportivo do curso e dos últimos anos. "É preciso ter uns obxectivos básicos para afrontar a tempada, pero ata o momento non teño nada concreto. É certo que a principal meta era esta, estar neste Europeo de cross. Agora paso á categoría sénior e o teño que tomar con calma porque xa é algo máis serio e poden vir as lesións. Pasarei de loitar coas atletas maiores e xa é diferente", expresa. Uxía Pérez sabe mellor que ninguén que debe atinar en cada paso e en cada decisión. Por iso, "de cara a febreiro e marzo pensarei no final do cross e no 5.000 e 10.000 de pista. Pero iso xa é máis para adiante". 
O seu adestrador é José Enrique Villacorta e, baixo a súa tutela e co seu apoio, superou o rosario de lesións. Con toda a experiencia das doenzas, a tudense sabe que ten que adaptar os adestramentos: "Teño a sorte de que en León dispoño dunhas instalacións moi boas e apenas toco o asfalto. Case sempre adestramos no monte, que é de terra e, evidentemente, é menos lesivo. Tamén temos unha pista, pero eu non a uso moito. E, despois, o Centro de Alto Rendemento, no que podo facer elíptica e tamén bicicleta. Ademais de exercicios máis rápidos a cuberto". 
Precisamente, o exercicio aeróbico na bicicleta e na elíptica foi o que mantivo en forma durante moitos meses á atleta e, na actualidade, "estou no mellor momento da miña vida atlética, cos mellores tempos. Podo adestrar sen problemas". Iso si, "cando sei que a carreira non me vai aportar nada e pode ser perxudicial, realizo unha sesión de elíptica". 
Un proceso de aprendizaxe e un clínic avanzado co seu propio corpo que aplicará ó futuro porque Uxía Pérez está a unha materia de rematar o grado de actividade física e do deporte. Precisamente, ten pendente rematar ó supender atletismo, a pesar de "ir a todas as clases". A explicación é tan sinxela como ilóxica porque "ó estar mancada, non fixen a parte práctica e suspendéronme. Tiña o teórico pasado e acudín a todas as clases, pero co traballo de fin de grao feito e todo, o profesor decidiu que non podía aprobar". Unha situación que aínda enfada á do Baixo Miño porque "ademais, o mestre é adestrador de atletas, que é o máis penoso". Conta con sacar a materia en febreiro e, ós 22 anos, sabe que "aínda podo dar moito de min porque os anos que estiven parada é un tempo no que non tiven opción a explotar ou dar un salto de calidade. Tampouco teño que tomalo agora a toda velocidade. Se non chega xa, virá nuns anos". 
Dedícase ás probas de fondo, nas distancias de 5.000 e 10.000 metros, onde "a explosión pode chegar máis tarde. Sempre tiven unha boa condición de base e sabía que ó encadear adestramentos subiría o nivel", expresa Uxía Pérez. Tras varios meses sen problemas, o domingo estará no Campionato de Europa. Unha vitoria no curto prazo despois dun lustro de moitos momentos duros, pero que serven para "aprender moitas cousas, do atletismo e tamén da vida. Tiven a sorte de que sempre estiven moi apoiada polo adestrador, polos meus pais e polos compañeiros e amigos", conclúe.n

Te puede interesar