Antón Vidal Andión é o novo presidente de Editorial Galaxia, segundo acordou na última xuntanza o consello de administración e proporase no seu momento á xunta xeral de accionistas. Vidal Andión substitúe no posto a Benxamín Casal Vila, falecido o 30 de agosto de 2013. Dende entón viña desempeñando a presidencia en funcións, con carácter provisorio, Alfonso Zulueta de Haz, vicepresidente primeiro.
Nado en Pontevedra, en 1948, é avogado e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. Pertenceu ao equipo fundador da Universidade de Vigo da que foi xerente, vicerreitor de asuntos económicos e asesor xurídico, posto este último do que se xubilou recentemente.
O seu vencello co galeguismo é tanto cultural como política. Estivo en Coalición Galega, participou na revista “Encrucillada” e fundou “Badal”, orientada cara á galeguización da liturxia, o mesmo que a editorial Sept, na que tamén participou.n