Xornal escolar

A Xunta trata de dinamizar as bibliotecas escolares

No citado programa búscase tamén recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas.
photo_camera No citado programa búscase tamén recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional apoia os programa Bibliotecas Escolares Solidarias, co que busca formar o alumnado nestas actitudes e no compromiso co seu entorno máis próximo e coa sociedade na que viven os alumnos galegos.

A Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional acaba de convocar o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, co que busca formar o alumnado nestas actitudes e no compromiso co seu entorno máis próximo e coa sociedade na que vive. 
A iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, comprende tres accións diferenciadas: a concesión do selo Biblioteca Escolar Solidaria, o Voluntariado na biblioteca escolar para alumnado de Secundaria e o Voluntariado de lectura-A para o de Primaria.
A través da convocatoria deste programa búscase tamén recoñecer os esforzos das comunidades educativas por conformar bibliotecas escolares inclusivas. Estes espazos son, de feito, lugares de convivencia, intercambio de información e construción de coñecemento, polo que unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar é a de axudar a paliar as desigualdades no acceso aos recursos culturais e de acceso ao coñecemento. 
As accións previstas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias contribúen á realización plena desa función e coinciden, ademais, cos obxectivos do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares, no referido a avanzar na consecución dunha biblioteca escolar inclusiva.
O selo Biblioteca Escolar Solidaria é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seuintegrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento, un distintivo de calidade de traballo solidario. 
Poden presentar candidatura os centros de infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos ou ensinanzas de réxime especial. 
O prazo de presentación correspondente ao curso 2018/2019 rematará o 10 de maio de 2019. Os centros aos que lles foi concedido o selo en 2016 e 2017 deberán renovar a súa solicitude, co fin de ratificarse como merecedores deste distintivo.
Para a concesión do selo valorarase que as bibliotecas propicien especificamente valores de xustiza e solidariedade, procuren de forma destacada a compensación de desigualdades e favorezan o uso dos seus recursos e oportunidades con formación e con fórmulas de aproveitamento axeitadas, mediante un programa específico de medidas estruturais e sistemáticas. 
Obxectivos
O obxectivo é valorar aquelas iniciativas que poñen especial atención en atender as necesidades en materia de lectura e de acceso á información do alumnado e das familias que máis o precisan, por carecer de biblioteca familiar ou estar afastados doutros centros culturais.
Así mesmo, terán que contar cun equipo de colaboradores formado por alumnado do centro, así como coa axuda de familias voluntarias que colaboren na xestión e dinamización da biblioteca escolar nos centros.

Te puede interesar