Xornal escolar

Varios centros gallegos incorporan Espazos Maker

Un proxecto para fomentar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). entre o alumnado
photo_camera Un proxecto para fomentar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). entre o alumnado

A creación destes espazos é unha das accións pioneiras da Consellería de Educación para o fomento das competencias STEM entre o alumnado. Forma parte do paquete de actuacións do Edudixital 2020, dotado cun millón de euros.

Un total de dez centros escolares de toda Galicia incorporan por primeira vez neste curso Espazos Maker, unha acción da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para fomentar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o alumnado.
Trátase do IES Sofía Casanova (Ferrol), CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), IES Monte das Moas (A Coruña), IES Isaac  Díaz Pardo (Sada), IES A Pontepedriña (Santiago de Compostela), IES de Porto do Son (Porto do Son); IES A Xunqueira II (Pontevedra), IES República Oriental do Uruguai (Vigo) e IES Primeiro de Marzo (Baiona), tal como se pode ver no portal da Consellería no enderezo
electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26512.


Os Espazos Maker foron concibidos como zonas específicas dentro dos centros escolares, dotadas cos medios tecnolóxicos necesarios para que o alumnado poida materializar a súa creatividade a través de proxectos propios de experimentación, isto é, “aprender facendo”.


Cada un destes centros recibe unha achega de 2.000 euros por parte da Consellería para poñer en marcha o seu Espazo Maker, así como unha dotación de material específico que inclúe un equipo de procesado audiovisual (con estación de procesado, pantalla grande e dúas tabletas), equipamento audiovisual (cámara dixital de foto e vídeo con obxectivos intercambiables e trípode, trípode de alta estabilidade, gravador de audio, cascos auriculares, sistema de gravación completo, equipo multifunción color tamaño A3 e escáner 3D), e mobiliario metálico (composto por carro para desprazar pequena equipación  e banco de traballo ou superficie fixa de traballo para maquinaria).


A dotación complétase con pequena maquinaria e ferramenta como trade eléctrico de gran potencia, trade de batería, mini trade de bricolaxe, lixadora delta e set completo de lixas de diferente grao e para materiais distintos, caladora con set completo de follas de corte, sistemas de aspiración de seco e húmido semiprofesional, cortadora-fresadora CNC, conxunto de ferramenta manual, soldador de estaño, conxunto de coitelos de precisión pistolas de pegamento termofusible e de aire e máquina de coser.


Enmarcada na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, esta acción é unha das medidas novidosas no ámbito STEM deseñadas pola Consellería e que inclúe tamén a posta en marcha, por primeira vez neste curso, do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías, o STEMbach (con 200 alumnos de 15 centros); e o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés, a STEMweek (que se desenvolveu entre agosto e setembro). Estas tres novas medidas –o STEMbach, os Espazos Maker e a STEMweek– súmanse ás xa desenvoltas no curso pasado como a Semana STEM e a ampliación de Robótica en Primaria (con kits que chegan xa a 159 centros públicos). 

Te puede interesar