xornal escolar

Santa Mariña aposta polas propostas metodolóxicas activas e globalizadas

Os nenos e nenas celebran o Samaín e Halloween.
photo_camera Os nenos e nenas celebran o Samaín e Halloween.
O CEIP Plurilingüe Santa Mariña, situado na Rúa Xalón, en Cabral-Vigo, e con 128 alumnos, este pequeno colexio ofrece un programa de ensinanza que permite atender a calquera necesidade educativa dende a Educación Infantil, a partir dos 3 anos, ata finalizar a Educación Primaria. A ratio media de 15 alumnos por aula, permítelles que a atención que fan mestras e mestres poida ser case individual. Con propostas metodolóxicas activas e globalizadas, a través do traballo por equipos e por proxectos, as nenas e nenos poden adquirir coñecementos mentres experimentan e se divirten. 
Neste curso 2019-20 foron un dos centros elixidos para sumarnos ao Proxecto de libro dixital E-Dixgal, onde toda a totalidade das materias son en modalidade dixital.
O colexio aposta porque os alumnos adquiran competencias en linguas estranxeiras, polo que dende este curso 2019-20 pertencemos a rede de Centros Plurilingües de Galicia, contando cun auxiliar de conversa que acude ao noso centro para facer “English corner”.
Un dos valores que se transmite dende o centro e o respecto e coidado pola natureza, polo que estamos inmersos no Programa Natura no que realizamos actividades dirixidas a coidar o noso entorno, así como a preparación do noso pequeno horto escolar, que neste curso o converteremos nun invernadoiro para así poder gozar del durante todo o curso.
Todos os cursos, o equipo docente selecciona unha temática de traballo que conformará o eixo vertebrador do Proxecto Documental Integrado, e que ten como centro neurálxico a Biblioteca Escolar. Teñen o recoñecemento, dende fai varios cursos académicos, do PLAMBE, Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, na que o alumnado pode escoller entre un actualizado e amplo catálogo ou desfrutar dos recantos que a conforman e fan que sexa un centro de creatividade e experimentación.
As nenas e nenos son o máis importante para o claustro do CEIP Plurilingüe Santa Mariña, xa que son o futuro. Tratando de que aprendan dende unha perspectiva integral e para iso é imprescindible contar cun profesorado cualificado, involucrado e en constante contacto coa innovación educativa. Dende hai tres cursos no CEIP Plurilingüe Santa Mariña están introducindo, tanto na etapa de Educación Infantil como na de Educación Primaria, una metodoloxía innovadora no ensino das matemáticas, Algoritmos Baseados en Números (ABN). 
Actualmente está inmerso en Cursos de Formación Permanente para o Profesorado (PFPP). Realizan formacións sobre a publicación en páxinas web e blogs, sobre as posibilidades de organización e dinamización da Biblioteca Escolar e na actualidade sobre as Emocións.
Educación Responsable
Neste curso escolar foron seleccionados como un dos dezaoito centros de toda Galicia para pertencer ao programa "Educación Responsable”: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade" .  É un programa educativo que se desenvolve en colaboración coa Fundación Botín, que ademais de favorecer o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, promove a comunicación e mellora da convivencia no centro a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias. 
Dende fai varios anos leva funcionando a Escola de Nais e Pais. Trátase de facer chegar ás familias dos alumnos o apoio que precisen na tarefa de crianza e educación dos seus fillos e fillas. As charlas realízanse unha vez ao mes e poden asistir os familiares que o desexen; son impartidas por psicólogos, orientadores e pedagogos cualificados que aportan pautas e métodos a seguir ante diferentes situacións, e que están abertos ao diálogo e participación das persoas que asistan. 
 Son moitos e moi variados os proxectos e programas nos que están inmersos. 
ArtEmocións
O seu PDI anual durante este curso leva por título “ArtEmocións” e, como suxire o seu nome, pretenden que as rapazas e rapaces do colexio desenvolvan actividades que lles permitan coñecer as emocións, saber recoñecelas e aprender a manexalas, xestionalas e expresalas do mellor xeito posible. Identificar as emocións dos demais, adquirir ferramentas para a xestión de diversos estados emocionais e desenvolver a habilidade para xerar emocións positivas e que resolvan os seus conflitos, cando xurdan, dun xeito autónomo e positivo, chegando a acordos e valorando a comunicación entre iguais.
Tamén forman parte de varios programas do Plan Proxecta orientados a favorecer o desenvolvemento físico dos nenos e nenas. 
Son uns dos centros integrantes dos Programas Móvete + e Milla diaria. O obxectivo do primeiro é o de fomentar a actividade física a través de actividades con música e movemento, traballando transversalmente hábitos saudables de alimentación, hixiene e lecer activo. No segundo trátase de realizar unha milla diaria, andando ou trotando, dentro do horario lectivo. 
Pretenden desenvolver no alumnado respecto, constancia, responsabilidade, honestidade, empatía e traballo en equipo. 
Unha das actividades que van encamiñadas a adquisición de tales valores son os Patios Dinámicos. 
O CEIP Plurilingüe Santa Mariña é un centro inclusivo, que integra a todo o seu alumnado, sexan cales sexan as súas características físicas ou psicolóxicas, nas tarefas diarias do centro de maneira natural. 
Deste xeito, unha vez na semana organizan os patios dinámicos, co obxectivo primordial da inclusión social. Realízanse toda unha serie de dinámicas divertidas e atractivas, en agrupamentos mixtos nas que todo o alumnado pode participar e compartir novas e diferentes experiencias de lecer.

Te puede interesar