Plan de mellora nas bibliotecas dos colexios galegos

O plan galego, un exemplo no sector educativo nacional.
photo_camera O plan galego, un exemplo no sector educativo nacional.

Deste xeito son xa 575 os colexios e institutos que participan deste programa da Consellería de Educación da Xunta, cuxa calidade ten sido recoñecida a nivel estatal con un orzamento destinado a esta iniciativa no curso 2015/2016  que ascende a 840.000 euros.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de incorporar a 31 centros de ensino ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Así queda reflectido na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, que pode consultarse no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150909/AnuncioG0164-010915-0007_gl.html , pola que se resolve a convocatoria para o curso 2015/2016 e na que se desglosan as cantidades que cada centro percibirá para o desenvolvemento deste programa. En total o orzamento destinado pola Consellería a esta iniciativa, cuxa calidade ten sido recoñecida a nivel estatal, ascende a 840.000 euros.
Deste xeito, o Plan chegará ao 45% da totalidade dos centros de infantil e primaria e ao 68% dos centros que matriculan alumnado de ensinanza secundaria, cun alcance total estimado de 165.000 alumnas e alumnos.
Espazo educativo
Ao longo da década que leva en funcionamento o Plan de Mellora ten contribuído de forma moi significativa á transformación das bibliotecas escolares cunha renovación importante dos equipamentos das bibliotecas e cunha sinalada actualización das coleccións de documentos: Este programa contribuíu, así mesmo, a modificar a concepción que se ten deste espazo educativo, que funciona agora como un centro de recursos interdisciplinar de apoio ás aprendizaxes e constitúe unha ferramenta fundamental para a alfabetización múltiple do alumnado.
Clubs de lectura
A Consellería ten aberto o prazo de inscrición para a creación de clubs de lectura en centros educativos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, ou en centros de ensinanzas de réxime especial. Para impulsar esta actividade a Consellería destinará un orzamento de 200.00 euros, a repartir entre os centros cuxa solicitude sexa aprobada. No curso 2014/2015 funcionaron nos centros do sistema educativo galego un total de 228 clubs.
O obxectivo desta convocatoria de axudas é apoiar a creación de clubs de lectura nos centros educativos como grupos de dinamización en prol do hábito lector que favorecen a incorporación á lectura da mocidade máis reticente. As contías que reciban os centros dedicaranse, fundamentalmente, á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar.
Entre os criterios de valoración para a concesión das axudas a Consellería prestará especial atención a aquelas iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que procuren contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa nosa lingua e literatura propias. 

Te puede interesar