xornal escolar

O IES Escolas Proval busca formar persoas cunha sólida formación académica e humana

2º Premio no Campeonato Galego de Robótica 2016. Fundación Barrié e Igaciencia.
photo_camera 2º Premio no Campeonato Galego de Robótica 2016. Fundación Barrié e Igaciencia.

O centro, pioneiro no seu momento na implantación da ESO, tamén foi dos primeiros en por en marcha o programa Abalar, mediante o cal cada alumno de 1º e 2º da ESO dispón dun ordenador portátil de uso individual

Actualmente o IES Escolas Proval de Nigrán oferta estudos de ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos de Administrativo e de Electrónica, en diúrno e nocturno, Educación Secundaria de Adultos en nocturno e Sección da Escola Oficial de Idiomas. O centro, pioneiro no seu momento na implantación da ESO, tamén foi dos primeiros en poñer en marcha o programa Abalar, mediante o cal cada alumno de 1º e 2º da ESO dispón dun ordenador portátil de uso individual. As aulas contan con ordenador e canón de proxección, acceso a internet e encerado dixital. Así mesmo, dispón de diferentes aulas-taller como as de Debuxo, Tecnoloxía, laboratorios de Física e de Bioloxía, e aula de Música. A biblioteca conta con 16.860 volumes catalogados, sala de lectura, e zona de ordenadores. A cafetería atende en horarios diúrno e nocturno, e tamén serve comidas os días en que hai clases pola tarde. Todo o centro está adaptado para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida, conectando os tres andares do edificio novo cun ascensor, e con ramplas para todos os desniveis externos. 
O centro conta con cinco liñas de transporte gratuíto para alumnado de Baiona, Gondomar e Nigrán. O profesorado, que participa en moitas actividades de formación, aposta por un ensino que atende á diversidade, utiliza as novas tecnoloxías, traballa con novos métodos de aprendizaxe cooperativa, e tamén se implica na creación dun ambiente solidario e na resolución de conflitos, buscando formar persoas activas, responsables, cunha sólida formación académica e humana. Este traballo é posible grazas ás familias, que colaboran co centro a través das titorías. 
ESO e Bacharelato
A atención á diversidade na ESO é axudada polos apoios e reforzos en grupos pequenos, adaptacións curriculares, agrupamentos específicos en 2º, e Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento académico en 2º e 3º. Os alumnos de Bacharelato dispoñen dunha gran variedade de materias optativas, e veñen acadando o 100% de aprobados na selectividade en xuño.
Ciclos Formativos
de Administración
O ciclo medio de Administración e Xestión forma ao alumnado para a obtención do título de Técnico en Xestión Administrativa en quenda de diúrno, e tamén en réxime de adultos, que os capacita para integrarse no ámbito laboral do Val Miñor, cuxa demanda está aumentando para dar servizo ao centro industrial do Porto do Molle. O ciclo de grao superior de Administración e Finanzas impártese cun método de ensino-aprendizaxe participativo e colaborativo nas aulas, apoiado por todos os programas de xestión e comunicación empresarial que se utilizan no mundo laboral. 
Ciclos Formativos
de Electrónica 
Na actualidade ofértase un ciclo de FP Básica de Informática e Comunicacións, un ciclo medio de Instalacións de telecomunicación en quenda de diúrno, e tamén en réxime de adultos, e un ciclo superior de Mantemento Electrónico. A formación lévase acabo en aulas-taller ben equipadas nas que se fan unha gran cantidade de prácticas. 
Cada ano ten lugar en xuño a ExpoElectrónica, unha xornada de portas abertas na cal se expoñen traballos realizados polos alumnos, e se fan obradoiros que achegan a construción de prototipos electrónicos. Unha das actividades que causa maior aceptación son os concursos como o "chutómetro", un aparello que mide a velocidade de tiros a porta cun balón, ou a loita de robots no interior dun pequeno tatami. O centro dispón dunha aula de Enerxías renovables, e ese día funcionan unha cociña solar e outros inventos, como unha fonte accionada pola enerxía do Sol.
Prácticas en empresas e Programas Europeos
Ao remate dos Ciclos, tanto medio como superior, o alumnado realiza a fase de prácticas en empresas da comarca, o cal facilita moito a súa posterior inserción laboral. Grazas a estas prácticas, duns tres meses, moitos alumnos acaban traballando ao rematar os estudos. O IES Escolas Proval participa no Programa Europeo Erasmus +  co  cal numerosos estudantes dos ciclos formativos de grado medio e superior realizan as súas prácticas nun país da Unión Europea, no sector afín á titulación cursada. Tamén teñen a opción de facelo no ano posterior a ter titulado. No pasado curso 2015/16 os 16 alumnos Erasmus realizaron as súas prácticas en Reino Unido, Portugal, Italia, Alemaña e Bélxica, cun moi bo resultado final, tanto na satisfacción dos  alumnos, como das empresas. Isto supón a oportunidade de seguir colaborando en recibir alumnado nos vindeiros cursos. Ademais dos destinos do curso pasado, este ano o alumnado ten ocasión realizar as prácticas en Malta.
Tamén o profesorado ten neste curso períodos de formación en empresas, institutos e universidades, tanto de países da Unión Europea (Italia, Bélxica e Portugal) como de fóra da Unión (Albania, Bosnia-Herzegovina e Tailandia). Estes contactos supoñen un intercambio, e no mes de abril o instituto recibirá alumnado e profesorado italiano.
Réxime de nocturno
Existe a posibilidade de cursar os estudos para a obtención do título en Secundaria para Adultos (ESA) e tamén os Ciclos Medios de Administrativo (Administración e Xestión) e de Electrónica (Instalacións de telecomunicación). Esta franxa horaria permite conciliar a vida laboral cos estudos.
Actividades
 O IES Escolas Proval leva a cabo un intenso calendario de actividades para complementar a formación do alumnado. O carácter entusiasta e altamente participativo dos seus membros facilita o éxito de iniciativas no centro, como celebracións festivas específicas (Samaín, Entroido, Día do Libro, Día das Letras Galegas), exposicións, conferencias, campionato de xadrez ou excursións e competicións deportivas: saída anual á Serra da Groba, do Galiñeiro, campionatos de hóckey, baloncesto, voleibol, balonmán, ping-pong ou futbito nos recreos e  gymkanas. Fanse visitas a museos, observatorios ornitolóxicos, teatros ou concertos. Tamén se organizan charlas, actuacións, talleres de educación viaria ou primeiros auxilios, charlas sobre consumo de drogas ou riscos en internet. E visitas a empresas: Inditex, Porto de Vigo, Zona Franca, Citroën e Marine Instruments. A ANPA tamén colabora  en actividades coma os de graduación de final de etapa.
Viaxes de estudos 
Realízanse o intercambio con Francia de alumnado de 3º ou 4º da ESO, a viaxe de fin de etapa de 4º de ESO (este ano a Dublín) e o de 1º e 2º de Bacharelato (a Florencia e A Toscana).
Club de Lectura
Forma parte dunha rede de clubs otaku  sen esquecer a súa dedicación preferente á lectura de obras de misterio, o que posibilita continuos encontros con alumnado doutros centros. Centrados este curso no teatro, montaron unha obra que van levar a outras localidades. O cinema fórum, concursos de fotografía, concursos literarios ou xogos de rol completan a formación dos lectores afeccionados. 
Música
A práctica orquestral e a realización de concertos, tanto no centro coma fóra del, é de suma importancia para o departamento de música. O traballo orquestral non só é un estupendo instrumento de aprendizaxe de contidos estritamente musicais, senón tamén de valores fundamentais para a formación do alumnado como son a responsabilidade, o respecto, a tolerancia, o compromiso ou traballo cooperativo. O alumnado  participou coa canción "Natureza Galega" nun disco de alumnado de diferentes centros "Operación Can" , e acadaron o premio no concurso musical Cantalingua para o Correlingua 2010 coa canción "Miraxe", e o Premio Crearte  2011 do Ministerio de Cultura para o proxecto de inclusión social "Os Músicos do Val Miñor", obra de teatro musical. 
Premios 
Profesores e alumnos viron recompensados os seus esforzos con outros importantes premios.A "Videorockola", invento deseñado e construído no ciclo superior de Mantemento Electrónico, obtivo no ano 2016 o 3º premio nacional á Calidade e Innovación en Orientación e Formación Profesional, outorgado polo Ministerio de Educación.
O alumnado de Robótica de 1º de Bacharelato acadou o 2º premio de Robótica de Galicia, na edición de 2016 do Obradoiro-Concurso organizado pola Fundación Barrié e Igaciencia. Tamén de 1º de Bacharelato eran os alumnos que gañaron os 1º e 3º premios na fase provincial da Olimpiada de Xeoloxía, e o 2º premio na fase autonómica.
Información na Web do centro http://www.edu.xunta.gal/centros/iesescolasproval/

Te puede interesar