Atlántico

XORNAL ESCOLAR

Escolas Proval, variedade de oferta educativa para o Val Miñor

O centro nigranés permite estudar ESO,  Bacharelato, Ciclos Formativos de Administrativo e de Electrónica en diurno e nocturno e Educación 
Secundaria de Adultos en nocturno.
.

Ademáis do taller de imprenta da imaxe, había talleres de fotografía, zapatería e outras actividades.
Ademáis do taller de imprenta da imaxe, había talleres de fotografía, zapatería e outras actividades.
Escolas Proval, variedade de oferta educativa para o Val Miñor

O instituto de Ensino Secundario Escolas Proval é un centro público situado na parroquia de Vilariño en Nigrán, na estrada que une Gondomar e A Ramallosa. Acolle nas distintas ensinanzas preto de 900 alumnos maioritariamente de Gondomar, Baiona e Nigrán, que gozan de espazosas instalacións, pistas deportivas e grandes zonas verdes. O centro ten xardíns con máis de 60 árbores e arbustos, mesas e bancos de madeira, e mesas de ping-pong, e conta, ademais, cun entorno arquitectónico privilexiado.
O instituto ocupa un edificio histórico: a antiga Escola Americana, creada polos emigrantes dos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar que en 1905 fundaron en Bos Aires a "Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor". Esta Sociedade foi unha das máis importantes das moitas que os emigrantes das distintas comarcas crearon en América, para axudar aos que chegaban e favorecer o desenvolvemento da súa terra natal. Ao iniciar a súa andaina a Sociedade establece como obxectivo prioritario promover a educación, construíndo unha escola que ademais de rexenerar e impulsar o progreso da comarca, servira para preparar aos nenos e nenas para que puideran desempeñar oficios dignos na emigración. Contou cunha Comisión Directiva formada polos promotores na Arxentina e un Consello de Administración no Val Miñor, que supervisaba e informaba periodicamente da marcha da escola. A Asociación chegou a ter máis de 600 socios, todos eles achegaron as súas cotas e o seu apoio nesta empresa, e con todos eles temos unha débeda de gratitude.
A escola, inaugurada en 1909 co nome de “Escolas Americanas Valle Miñor”, foi moi innovadora na súa época, seguindo os criterios pedagóxicos europeos e americanos que baseaban a ensinanza no neno e a nena e pretendían un desenvolvemento integral como persoas e cidadáns. O proxecto do edificio foi realizado polo arquitecto vigués Jacobo Esténs Romero. Trátase dunha obra clásica que atende aos postulados hixienistas da época para a educación integral. É a arquitectura entendida como necesidade e satisfacción. 
As escolas americanas tiñan o propósito de crear un ensino diferente, relacionado co pobo e a comunidade. Manuel L. Lemos, home de Nigrán que fixo a súa fortuna na Arxentina coa produción de viños e un dos principais impulsores da creación e sostemento da escola, proporcionou a idea de crear na escola uns talleres de imprenta. Os beneficios que sacaran dela serían para axudar aos emigrantes acabados de chegar a Bos Aires. Na escola había outros talleres ademais do da imprenta, nos que o alumnado aprendía cousas útiles para a vida cotiá: no taller de zapatería facíanse zocos para os nenos pobres e no de costura facíanse os mandilóns. Tamén había laboratorios, dotados con instrumentos traídos de París (dos que carecían os centros públicos e privados en España) nos que se facían diversas prácticas, entre elas de meteoroloxía e de fotografía. Outros colaboradores foron  Gumersindo Busto, responsable da biblioteca; Manuel Losada Carrera, promotor das Escolas; Laureano Pérez Rouco, que impulsou a Sociedade Círculo Social dos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán; Manuel Salgueiro, que foi o primeiro presidente da sociedade; e moitos anónimos, con menos recursos, pero que achegaron o que podían, o que ten un valor imborrable. 
A Escola alcanzou moita sona fóra da comarca, e foi visitada por personaxes ilustres: o presidente arxentino Marcelo Torcuato de Alvear, o deputado liberal Ángel Urzaiz Cuesta, o "cura de Beiro" Basilio Álvarez, o ditador Primo de Rivera, o arquitecto Antonio Palacios. Durante a Guerra Civil e o franquismo desapareceron o equipamento e as dotacións da escola, e sobre todo o espírito educativo que representaba. 
O edificio, agás curtos períodos de tempo, foi utilizado pola Falanxe para a Sección Feminina, na cal a formación das mulleres estaba orientada a formar boas amas de casa e preparaban as mozas para ser mestras ou funcionarias. Tamén se estableceu unha escola para nenos e nenas. Nos anos 70 o edificio sufriu un gran deterioro e  os mestres e nenos que aquí había trasladáronse á escola de Vilariño. O IES Escolas Proval é para a comarca do Val Miñor memoria viva. As obras que son froito da xenerosidade e do amor da xente pola súa terra forman parte da mellor herdanza dos pobos. 
No ano 1981 crease unha sección delegada do Instituto Politécnico de Vigo, coa FP1 das ramas de Administrativo e de Electrónica. No ano 1982 constitúese como centro independente, e en 1983 constrúese un segundo edificio que está situado na parte alta do terreo.