Xornal escolar

Convivencia, igualdade, novas tecnoloxías e un instituto aberto no IES de Teis

Alumnado do IES de Teis nunha actividade con alumnado do CEIP San Salvador de Teis.
photo_camera Alumnado do IES de Teis nunha actividade con alumnado do CEIP San Salvador de Teis.

As liñas educativas de actuación no IES de Teis van desde a convivencia a igualdade contando tamén coas novas tecnoloxías e actividade aberta do instituto.
 

Convivencia
Un dos valores prioritarios que orienta o proxecto educativo é a educación para a paz e a convivencia. Participan, xa desde os seus mesmos comezos, no programa do concello “Aprender a convivir” que utiliza a mediación entre iguais como ferramenta de resolución pacífica de conflitos.  Para darlle un pulo a esta iniciativa e coordinar as diversas liñas de actuación que se levan a cabo no centro para mellorar a convivencia escolar, contamos cun equipo de dinamización da convivencia, cuxo coordinador Gabriel Sánchez Crespo, goza dunha grande experiencia nas tarefas de xestión da convivencia escolar, tanto neste como noutros institutos de educación secundaria. Basicamente a dinamización da convivencia traballa en dúas frontes: por un lado, ofrecendo apoio e asesoramento ao profesorado na aula e fóra dela, sobre todo á hora de abordar casos de condutas disrruptivas ou conflitivas. Neste aspecto xoga un papel moi importante a comisión da convivencia do Consello Escolar, que establece as directrices a seguir na xestión da convivencia . En segundo lugar, traballando directamente co alumnado, por exemplo,  a través do equipo de mediadores. O equipo de mediación está formado por representantes de todos os grupos de ESO, Bacharelato e FPB e coordinado pola profesora Ana Mª Rúa Álvarez. As  funcións dos mediadores e mediadoras  son primordialmente observar os estado da convivencia nas súas respectivas aulas e nos espazos de lecer, e ofrecerse a mediar como terceira parte neutral nos eventuais conflitos que se produzan entre os seus compañeiros e compañeiras, co obxectivo de facilitar que cheguen a un acordo por medio da participación, a negociación e o diálogo. O marco teórico que orienta este tipo de iniciativas constitúeno as aportación de Suso Jares e outros pedagogos que promoven unha visión positiva do conflito: en canto somos humanos, autónomos e diferentes, a convivencia  sempre vai presentar, dificultades,  conflitos de intereses ou enfrontamentos. Xa que os conflitos son inevitables nunha comunidade aberta e dinámica o que temos é que fomentar son estratexias para solucionalos de forma pacífica, mediante a comunicación e a negociación. Isto implica traballar nas habilidades de autorregulación e autocontrol persoal,  fomentar a comprensión, a empatía e as habilidades sociais e darlle protagonismo ao alumnado promovendo o traballo en equipo e a participación democrática en todos aqueles procesos onde elas e eles son os actores principais. Dentro do equipo de convivencia resultan fundamentais o liderado e a  coordinación realizados pola xefa de estudos, Vanesa Resúa e a orientadora Cristina Albés. O labor de orientación  é primordial. No Instituto de Teis os titores e titoras de ESO e FPB reúnense semanalmente por niveis coa orientadora, para facer un seguimento dos seus grupos e para establecer as directrices a seguir en cada caso dun xeito consensuado. Esta dinámica resulta esencial para detectar problemas e decidir actuacións para solucionalos.  Do mesmo xeito, a implicación da orientadora co alumnado no tratamento e reeducación nas súas formas de relacionarse  resulta indispensable.


Igualdade
A loita pola igualdade de xénero  estivo presente no IES de Teis desde os seus mesmos comezos. É un valor que sempre intentan fomentar desde a palabra, o exemplo e a acción. Pero este curso constataron no centro certos comportamentos alarmantes que poñen de manifesto que é a igualdade é unha meta que aínda está moi lonxe e que é necesario darlle un pulo ao  esforzo por avanzar. É así como naceu o Grupo de Igualdade do IES de que se constituíu  no mes de xaneiro, coordinado por Vanesa Resúa e Ángeles Arias  e  integrado por  representantes do alumnado e do profesorado de ámbolos dous xéneros.  Un grupo dinámico,  onde  pode participar quen así o desexe e ao que se poden facer chegar suxestións de  diversas formas. Os obxectivos deste equipo son, por un lado, fomentar a igualdade de xénero e o recoñecemento dos dereitos das persoas a través da realización de actividades conxuntas que se podan traducir en hábitos de comportamento máis paritarios e equitativos. Por outro lado,  actuar de observatorio da igualdade, tomándolle o pulso á situación da muller en cada aula. ¿Qué mellor maneira de comezar a súa andaina o Grupo de Igualdade que organizando as actividades  de celebración do Día da Muller? Pois así foi. E o resultado foi fermoso, emotivo e, sobre todo , formativo, que é o que se pretendía.  O alumnado de ESO, FPB e Bacharelato reuniuse no Salón de Actos  onde puideron renderlle homenaxe a mulleres senlleiras de todas as épocas que foron e son a voz e o símbolo de moitas outras que permaneceron no anonimato. Máis tarde uniuse a eles, no patio cuberto,  o alumnado de Ciclos de FP para asistir ao acto de inauguración formal do nomeamento das aulas. O IES de Teis a partir de agora ten nome de muller. E para celebrar este bautismo tiveron  a inmensa honra de contar coa presenza dalgunha destas mulleres  que lle dan nome e identidade as aulas do noso centro: Antía Cal, Mª Xosé Queizán e Luísa Ocampo,  neta de  Ernestina  Otero, quen  animó  a seguir adiante na loita. Un proxecto que ten a vontade forte e o paso firme. O obxectivo: a plena igualdade. O medio: a educación.


Tecnoloxías
Outro dos eixos estratéxicos do proxecto de centro é a promoción da utilización das tecnoloxías , especialmente as TICs.  Contar na sua oferta cos ciclos formativos da familia de Informática e Comunicación, supón   dispoñer de equipos, mantemento e posibilidades de formación privilexiadas. Os recursos tecnolóxicos do IES de Teis exceden, con moito, a media dos outros centros da bisbarra.  Este equipamento permítelles  apostar pola formación no uso das tecnoloxías e materialízase, entre outras moitas actuacións, na participación no programa Exdigal en 1º e 2º de ESO, orientado á implantación e utilización das TICs no ámbito escolar e familiar e que permite a alumnado e familias ter á súa disposición un ordenador persoal para estudar e facer tarefas tanto na aula como na casa. Permítelles  formar ao alumnado en disciplinas como a informática e a robótica cun nivel realmente bo.


Un instituto aberto
Por último, hay que sinalar a relacións coa contorna. O IES de Teis é un instituto aberto ao barrio e á cidade: colaboramos co Concello de Vigo e con distintas entidades veciñais na participación de actividades diversas.  Establecen contactos coas empresas da bisbarra a través da realización do módulo da Formación en Centros de Traballo (FCT)  e do Proxecto de Orientación ao Emprego, que permite a gran parte do alumnado dos ciclos de FP, acceder o mercado laboral xusto ao acabar os seus estudos.   É  un centro visitado pola veciñanza, que pode usar as súas instalacións (pistas deportivas, salón de actos, biblioteca) e colaborar na formación do alumnado actuando como modelo nas diversas actividades prácticas realizadas nos talleres  de Peiteado e Estética.  Cabe destacar  a colaboración cos nosos centros adscritos, o CIP San Salvador e o Colexio San Fermín, cos que traballan para facilitar a transición do alumnado de primaria a secundaria. Este traballo materializase en diversas actividades, académicas  e festivas, que pretenden dar continuidade aos proxectos realizados nos colexios de referencia.

Te puede interesar