Xornal escolar

Os contrato-programas chegan aos colexios da provincia de Pontevedra

A través de sete liñas de traballo concretas os contratos-programa inciden en ámbitos de actuación como a identificación de dificultades de aprendizaxe.
photo_camera A través de sete liñas de traballo concretas os contratos-programa inciden en ámbitos de actuación como a identificación de dificultades de aprendizaxe.

A Consellería atendeu todas as demandas de profesorado adicional para desenvolver estas iniciativas. A liña máis demandada é a de Mellora das competencias clave, seguida da de Reforzo, orientación e apoio. 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva dos centros seleccionados con contratos-programa dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes públicos de educación infantil, primaria e secundaria para o curso 2018/19. Serán en total 248 os centros da provincia pontevedresa que desenvolvan 765 accións nalgunha das 7 liñas de actuación dos contratos-programas. No conxunto de Galicia 572 centros desenvolverán 1.623 accións dos contratos-programas.


A Consellería atenderá todas as demandas de profesorado externo adicional para desenvolver estas iniciativas, contratando 150 profesores e profesoras na provincia. No referido aos docentes dos propios centros pontevedreses que se implican no desenvolvemento destas accións, serán un total de 139.
Segundo as estimacións, os contratos-programa chegarán este curso académico a 177.059 alumnas e alumnos da provincia pontevedresa. A resolución definitiva pode consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia.


Liñas de actuación
A través de sete liñas de traballo concretas os contratos-programa inciden en ámbitos de actuación como a identificación de dificultades de aprendizaxe e articulación de respostas axeitadas, o fomento dun bo clima na aula e no centro que favoreza o proceso de ensino e aprendizaxe, a atención educativa aos colectivos vulnerables, a adquisición de competencias clave, o fomento da igualdade e a coeducación, a participación das familias ou a mellora da xestión dos centros, entre outros.


A primeira, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.


Pola súa banda, a liña 2 céntrase nas accións para a mellora da competencia matemática. O desenvolvemento desta actuación incluirá sempre o reforzo desta competencia, podendo incluír tamén actuacións para a mellora en comunicación lingüística e/ou competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.


A liña 3, de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, inclúe todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa; mentres que a liña 4 se centra na prevención do abandono educativo temperán e do absentismo escolar. A quinta liña está orientada a mellorar o nivel de coñecementos do alumnado para acadar a excelencia. Trátase dunha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado. Pola súa banda, a sexta liña está conformada por un conxunto de medidas ou actividades destinadas a mellorar a xestión dos centros educativos a partir da reflexión e a toma de decisións baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles.

Te puede interesar