"O xeito" de tocar de 'Polo' queda rexistrado

Álvaro Costas, co seu avó, Wenceslao Cabezas “Polo”, quen o introducíu na música tradicional.
photo_camera Álvaro Costas, co seu avó, Wenceslao Cabezas “Polo”, quen o introducíu na música tradicional.
Álvaro Costas recolleu nun libro as peculiaridades do “repenicar” do seu avó e oferta obradoiros para divulgar a súa técnica

Wenceslao Cabezas, ‘Polo’, director da Escola Municipal de Música e Danza Tradicional dende hai 44 anos, é unha referencia no mundo folklórico. Aínda que a súa faceta máis coñecida é de mestre de baile, a súa pegada como pandereteiro marcou unha maneira de tocar. Agora o seu neto, Álvaro Costas, gaiteiro e fundador de Mitic, quere recoller o seu legado para que non se perda e documentou o seu estilo no libro “O xeito de Polo”. 

 

 

“Actualmente hai 90 mestres que saíron da escuela, sobre todo formados en danza, pero tanto en percusión; eu levo dende os dous anos escoitando ese estilo de tocar, quixen rexistrar como pensa a pandeireta cun xeito orixinal e xenuíno de entendela que non pasa de moda, porque seguen chamándoo para gravar”, apunta Costas, que ven de cumprir 40 anos e considera “de xustiza e necesario” plasmar este estilo para compartilo e que non se perda. “Toca para o acompañamento puramente instrumental, como se fora unha gaita, o cotiá é que acompañe ao cante de forma máis repetitiva”.

A publicación virá acompañada de obradoiros de tres o catro horas onde levar á práctica ese xeito. Impartidos polo propio Álvaro Costas as primeiras datas serán o 10 e o 11 de xuño das asociacións veciñais Atlántida de Matamá e San Miguel de Oia. Tamén se levarán a Madrid, Barcelona e o resto de Galicia. “Saen do curso riscando a pandeireta como ‘Polo’, con brancas máis longas e o acento do revés cambiado, recursos que aplica inconscientemente e poden interesar tanto aos que se inician como a músicos das bandas”.

 

 

Airiños do parque de Castrelos é o grupo no que ‘Polo’ toca a pandeireta. Fundado en 1943, leva dende o 79 sen gravar un disco, polo que están a preparar novo álbum. “Serán case temas novos que tiñamos recollidos nunha gravadora das de antes”, apunta ‘Polo’, quen lembra os ensaios na casa de Juan, en Castrelos. “Ningún tiñamos nen idea de música, escoitábamos un tema, gravámolo e sacabámolo a base de traballalo, sobre todo Manolo e Juan coas gaitas, logo entrábamos coa percusión”.

Airiños fíxose famoso por interpretar as rumbas traídas pola migración, a maioría cancións cantadas que eran levadas á gaita polo grupo.

Wenceslao Cabezas, ‘Polo’: “Só en Galicia a pandeireta vai á man”

“Galicia é o único pobo do mundo onde non movemos a man ao tocar a pandeireta, movemos o instrumento, a pandeireta vai á man”. Así, ‘Polo’ recoñece que tras tocar seis ou sete horas diarias o dedo polgar acababa en carne viva, algo ao que procurou solución co seu ‘luthier’, Manolo Guzal. “Pedinlle que me rebaixase o bastidor, no lugar do burato, amais díxenlle que me combinase as ferreñas de ferro coas de latón para conseguir dous sons e maior reforzo para que non se retorcese a pel coa calor”. Entón, hai cincuenta anos encargou máis de 90 instrumentos con estas modificacións, dos que xa so lle quedan tres. O seu modelo gustoulle a Nando Casal e a Pedro Ferreiro de Milladoiro que ao velas no obradoiro encargáronlles outras ao artesán.

“O xeito de tocar non ten nada que ver co instrumento; hai tres modos de facela soar: coa moneca, co puño ao modo da xente maior e os dedos, a máis complicada, pero a que permite sacarlle máis partido”.

Wenceslao, coñecido por ‘Polo’ a causa do pai, Hipólito, tivo o primeiro contacto coa música tradicional aos 13 anos, no IES Santa Irene, onde a profesora de ximnasia seleccionouno para o grupo de regueifas nun espectáculo de fin de curso. Nado no Berbés, deixou os estudos aos 14 anos e comezou a traballar nos estaleiro Santo Domingo. “Un día apareceu un home da sección de Educación y Descanso para dar charlas e propúxome que entrase en Vento das Cíes se me interesaba o baile tradicional, de aí me mandaron con José Iglesias Melitón, en Praza da Princesa, era un virtuoso no cante, no aturuxar e coa pandeireta, estiven con el ata que morreu aos 89 anos; nunca dicía como tiña que facer as cousas, para el había que machacar e traballar ata que saíse”. Comezou as clases en setembro e o 22 de decembro bailou unha muiñeira e unha xota nun festival benéfico no teatro García Barbón. 

Comezou a dar clases aos 15 anos, á sobriña do dono do estaleiro. Logo viñeron os irmáns Saenz, Pepe e Josefina, os colexios Jesuitinas, Carmelitas, o Alemán e os concellos, Vigo, Redondela, Tui ou Cotobade. A piques de cumprir 80 anos,leva máis de 65 adicados á música tradicional. Entre os seus logros, o Grammy aos mellor disco de música tradicional, “Santiago”, 1996, de The Chieftains, no que participou con Carlos Núñez.

Te puede interesar