vigo

Unha visión contemporánea de Manuel Antonio

Ao acto acudiron o alcalde de Rianxo, Jose Adolfo Muiños e pola Xunta, Anxo Lorenzo, de Cultura e Manuel Pinal, de Educación.
photo_camera Ao acto acudiron o alcalde de Rianxo, Jose Adolfo Muiños e pola Xunta, Anxo Lorenzo, de Cultura e Manuel Pinal, de Educación.

A antiga Universidade Laboral homenaxeou ao poeta que lle dá nome polo 90 aniversario da edición do libro “De catro a catro”

n n n “Os misterios que lle atribúen a Manuel Antonio despéxanse coa súa lectura continuada, baséanse no xeito de mirar as cousas como se fora a primeira vez”. Así, o seu biógrafo, Xosé Luis Axeitos fixo un achegamento á figura do homanexeado onte no Centro Integrado de Formación Profesional (CRFP) Manuel Antonio co gallo do 90 aniversario do seu poemario emblema “De catro a catro”. Falou da presenza dominante na súa obra das estrelas “as descoñecidas, esas que non se deixan engailar polos aparellos”.
Para Axeitos, a importancia de Manuel Antonio radica na súa contemporaneidade, “serve para falar do presente e do futuro, é un modelo de autenticidade e de fidelidade, valores aínda vixentes; exalta ao mariñeiro, ao home galego que non quere nen morrer en terras alleas”. Con respecto á relación do poeta co Vigo, cidade onde vivíu e estudou Náutica, o biógrafo recoñece que non foi doada, pero si importante: “Epistolarmente descríbea como unha cidade degradante, onde se fala castelán, con moito ruido e sen alma, mais Vigo é o único topónimo que inclúe en ‘De catro a catro’; é un referente para el porque aquí se fixo adulto”. Axeitos asegurou que na súa poesía foi esencial o impacto do Porto das viaxes no barco a Cangas. Por elo, dende o centro Manuel Antonio convidaron ao barman José Soto a crear un cóctel baixo a denominación “Navy bar”, tal e como se chamaba o local que frecuentaba o poeta no porto que incluíu nos seus versos. 
A mezcla está composta con augardente de Galicia infusionado en bergamota e laranxa sanguina, mel de Galicia, zume de lima, cervexa de xenxibre e dash de vinagre de framboesa con decoración de folla de menta. “Busquei productos con denominación de orixe, porque me inspirou a esencia do galego, ten un sabor cítrico, cun toque picante”. Soto realizou o coctel ad hoc para os asistentes ao acto. 
A súa receita inclúese na publicación “Manuel Antonio e mais nós”, un libro colectivo no que participan 61 profesionais de diferentes ámbitos intervindo con textos, fotografías ou ilustracións. Coeditado pola Consellería de Cultura e Hércules Edicións, está coordinado polo profesor  do CIFP, Julio Alonso: “Consideramos necesario adicarlle unha homenaxe de agradecemento á persoa que dá nome aos noso centro, aproveitando para divulgar a súa contribución á poesía galega, o seu transcente pensamento político, e o seu compromiso co seu Rianxo natal e con Galicia”.


Asemade inauguráronse dúas exposicións: “Galegas e galegos de hoxe”, con fotografías de persoeiros actuais e a mostra monográfica, composta por obxectos orixinais cedidos pola Casa Museo de Rianxo e pola Fundación Barrié de la Maza. Recolle dende a súa lousa escolar de cando teña cinco anos, datada en 1905, a dúas das súas pipas ou notiñas que se pasaba na aula cos seus compañeiros Rodríguez Cebral e Xoaquín García Mato, entre as que se inclúe unha das tres copias manuscritas, onde se comprometían á defensa de Galicia, asinados con sangue. Escritos, manifestos e cotas de “A Nosa Terra”, do Centro Republicano Galego, das Mocidades Galegas de Vigo ou as colaboracións con Valentín Paz Andrade na revista “Galicia”: “Entre os dous lograron que o consulado de Chile pagase a publicación a cambio de publicitar o sulfato de cobre para o agro; en principio querían chamarlle á revista ‘Atlántico’, pero foi o cónsul quen lles advertíu que o seu país daba ao Pacífico”, afirmou Diego Rodríguez, bibliotecario de la Barrié. Os fondos relacionados con Manuel Antonio proveñen do legado de Domingo García-Sabell, quen iniciara a publicación das súas obras completas. “Estes obxectos nosn son un conxunto de cousas, é unha colección feita polo poeta, para el tiñan un significado, gardaba escritos, pero tamén revistas francesas para levar a literatura galega á vangarda”, sinala Rodríguez.
Rubén Otero, director do Manuel Antonio, amosouse moi satisfeito co evento organizado: “Implicaronse o alumnos e profesores, supón un punto de inflexión para o centro tanto a nivel interno como para ao exterior, é importante para nós darnos a coñecer”, afirmou.No evento tamén participaron alumnos dos IES A Granxa e do Audiovisual.n

Te puede interesar