DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Vigo homenaxea a Xela Arias con 23 actividades familiares

Abel Caballero presentou a programación do Concello no Marco.
photo_camera Abel Caballero presentou a programación do Concello no Marco.

Durante a fin de semana das Letras Galegas e o resto do mes de maio, a cidade albergará unha extensa programación adicada á autora e pensada para todos os públicos 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou onte no museo Marco a programación promovida polo Concello como homenaxe a Xela Arias, co obxectivo de “retomar a propia realidade” desta autora e “honrar a súa memoria e a súa capacidade contestataria dende a poesía”. O primeiro deles terá lugar hoxe coa colocación dunha placa conmemorativa no domicilio no que Xela viviu cando chegou dende Sarria, na rúa Zamora.

Ademais, o Concello editou o díptico “Xela Arias na Fundación Penzol”, un manuscrito redactado pola autora aos nove anos do que se distribuíron 15.000 copias entre os centros educativos da cidade.

O sábado 15, ao abeiro do programa Música nas Letras Galegas, terá lugar ás 19 horas no Centro Cultural de Beade o concerto da Orquesta infantil-xuvenil Kv2211. E ás 12,30, no Verbum, contacontos para público familiar a cargo de Nanda Misa.

O domingo 16 abrirá a mostra bibliográfica de Xela Arias na Casa Galega da Cultura e celebrarase o Concerto das Letras Galegas ás 20 horas a cargo de Laura LaMontagne e PicoAmperio no Auditorio de Beiramar. En canto ás actividades de cote familiar, no Auditorio Municipal haberá un Xogo das letras ás 11,15 e o concerto “O soño dos golfiños” do grupo Golfiños ás 12,45.

O luns 17 Vigo será o escenario central das Letras Galegas e o Concello ofrecerá unha recepción á RAG no Marco antes da sesión plenaria académica das 13 horas. Ese mesmo día, o Museo Liste organiza unha programación especial durante toda a mañá. Para rematar, ás 20 horas poderá verse no Auditorio Municipal “Vencerse é cousa de se tratar”, un espetáculo literario-musical por Fernando Abreu, Mónica de Nut, Pablo Carrera e Roi Fernández con poemas de Xela.

Pero as actividades familiares continuarán máis aló da fin de semana das Letras Galegas ata o 30 de maio, espalladas entre a Biblioteca municipal, o Verbum e o Auditorio Municipal. Caballero tamén anunciou un ciclo de concertos da Orquesta 430, Rodrigo Romaní, a Orquestra Clásica de Vigo, a Coral Casablanca e as corais e bandas de música de Vigo para “que a música acompañe a poesía de Xela durante semanas e semanas”.

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas