Vigo e Coruña perderon ante Santiago pola radio

Asser Álvarez, co seu libro “90 anos nas ondas”, onte, en Vigo.
photo_camera Asser Álvarez, co seu libro “90 anos nas ondas”, onte, en Vigo.
Aser Álvarez, de Arraianos Produccións, presentou o libro que fala, “90 anos nas ondas”, con QR coas voces dos protagonistas

A Unesco escolleu o 13 de febreiro como Día Mundial da Radio e coincidindo coa efeméride, Aser Álvarez, de Arraianos Producións, presentou en Atlántico o seu último traballo: “90 anos nas ondas”: “É o inicio da radio en Galicia, a primeira emisora que botou a funcionar nos anos 30 promovida polos galeguistas para promocionar o Estatuto de Autonomía para facer chegar a mensaxe entre unha sociedade na súa maioría analfabeta”.

Radio Galicia comeza a emitir en 1933 dende Santiago de Compostela, só dez anos máis tarde da chegada deste novo sistema de comunicación. “Foi a sexta cidade de España pese a ser unha localidade moi pequena e sen forza económica, foi posible porque se uniu toda a cidade contra outras candidaturas máis fortes ata de fora de Galicia, Vigo e Coruña perderon ante Santiago”. Só un ano despois, en abril de 1934, inaugurouse Radio Vigo. “O normal é que as emisoras levaran o  nome da súa cidade, pero os promotores de Radio Galicia querían transmitir un concepto de país”.

 Esta publicación, con limiar de Iñaki Gabilondo, é un proxecto desenvolvido ao longo de 30 anos. “Despois de facer máster, Gabilondo mandoume a ‘foguearme’ a Galicia, a única emisora propiedade da Ser neste país; alí intereseime polos pioneiros e coñecín a José Gutiérrez que levaba administración e aínda mantiña os contactos de voces históricas”.

Así, iniciou as conversas cos persoeiros vencellados ás orixes. As primeiras gravacións como as de Antón Fraguas o Isaac Díaz Pardo están en casetes. “Recollo máis de 40 testemuñas das que máis da metade xa están mortos, é a única documentación oral que queda desa época que doutro xeito estaría perdido”, apunta Álvarez, quen critica que habendo tres facultades de comunicación en Galicia non se teñan preocupado de rexistrar este periodo. Polo libro pasan 'o vello dos contos, o primeiro speaker Francisco Pazos, Farruco, Pepe Domingo Castaño, Tareixa Navaza, Basilio Rogado, Javier del Pino ou a actualidade con Camela Pardal ou Carlos Blanco.

As súas pesquisas, en principio realizadas para unha reportaxe radiofónica nunca acabada, serviron para montar a exposición polo 90 aniversario de Radio Galicia, que foi a máis visitada do Consorcio. “Non descarto a idea inicial do documental que puidera aspirar a un Ondas, xa que as tres únicas veces que o recibiu Radio Galicia estivo vencellado a desgrazas: a cobertura do ‘Cason’, a do ‘Prestige’ e o accidente do Alvia”.

Te puede interesar