UNIVERSIDAD

A UVigo quere convertir 2020 no ano da divulgación científica en galego

Fernando Ramallo.
photo_camera Fernando Ramallo.
n n n2020 será na Universidade de Vigo o ano da divulgación científica en galego. Este é o gran propósito que se marcan dende a Área de Normalización Lingüística. Para acadalo puxéronse mans a obra, coa colaboración da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, planificando toda unha serie de actividades que arrancarán xa a vindeira semana coa celebración de varias mesas redondas en Vigo e Pontevedra coas que se pretende amosarlle á comunidade universitaria e ao público en xeral unha dobre realidade: que o galego é unha lingua tan válida como calquera outra para facer ciencia e que a ciencia é un eido clave para a normalización da lingua. “Na actualidade faise aínda pouca divulgación científica e, se falamos de divulgación científica en lingua galega, as cifras son aínda menores”, explica o profesor e investigador Fernando Ramallo, director da ANL, que fai fincapé na necesidade de que o coñecemento científico que xorde no ámbito universitario chegue ao conxunto da sociedade. “A poboación ten todo o dereito do mundo a formarse cientificamente e a facelo na súa lingua”, explica Ramallo, que se amosou tremendamente convencido de que hai público interesado en coñecer máis sobre aspectos diversos da ciencia que se está a facer dende a Universidade e para satisfacer esta demanda a Universidade debe, sinala, producir os contidos axeitados de forma atraínte. “Se logramos facer isto en lingua galega contribuímos de maneira obvia á normalización da lingua”, recalca.
Serán tres mesas redondas: unha o mércores 20 ás 19.30 horas na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra e dúas en Vigo o xoves 21, a primeira ás 12.00 horas na sala de reunións do edificio Ernestina Otero e outra, xa pola tarde, ás 19.30 horas, na Biblioteca Pública Juan Compañel. 
No caso do campus de Pontevedra optouse pola Facultade de Belas Artes debido á súa situación estratéxica no centro da cidade, o que facilitará a asistencia do público pontevedrés. Participarán na mesa as investigadoras Lourdes Maceiras, do grupo de investigación en Medicina e Saúde Pública; Paula Rivas, do Laboratorio de Neurociencias, e Ana Rey, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; e os investigadores Ricardo Beiras, do grupo de investigación de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña, Ecotox; Manuel Sendón, da Facultade de Belas Artes; José Andrés Santiago, do grupo dx5 digital & graphic art research, e Adolfo Cordero, do grupo de investigación de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación, Ecoevo.
En Vigo contará coa participación de Manuel Ángel Pombal, do grupo de investigación de Neurobioloxía de Lampreas, Neurolam; Anxo Mena, de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, XM-1, e a directora do Laboratorio de Micoloxía, Marisa Castro. Xa pola tarde, no centro da cidade, participarán Xavier Simón, do grupo de investigación Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, GIEEAH; Alejandro Saavedra, do grupo de investigación de Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa, Sidor; Gustavo Bergantiños, do grupo de Economía, Sociedade e Territorio, Ecosot; e Xosé Manuel Pacho, da Agrupación de Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito, AGAF.n
 

Te puede interesar