Educación

Uns 1.800 escolares marcharon ao berro de “Galego xa!”

Rapaces de Vigo e da contorna déronse cita na Praza do Rei para reinvidicar a normalización do uso do galego nas clases e na socidade.
photo_camera Rapaces de Vigo e da contorna déronse cita na Praza do Rei para reinvidicar a normalización do uso do galego nas clases e na socidade.
O Correlingua celebrou unha nova edición, mobilizando a 22 centros educativos de Vigo e a súa contorna para normalizar o uso do idioma

“Dende aquí até acolá, galego xa! Esta é unha mensaxe para as familias, as institucións, os medios, as mestras e os mestres, as rapazas e os rapaces coma nós. Dende aquí queremos berrar ben alto que non nos apetece, non nos presta e non nos peta que a nosa lingua esmoreza”. Ese foi o comezo do manifesto do Correlingua 2024 que alumnos do IES Santa Irene leron onte en Castrelos. Participaron activamente na elaboración do texto con compañeiros de Foz, A Xunqueira de Pontevedra, Carballo, Xoán Montes de Lugo e Cerceda, baixo a guía de escritoras e docentes.

 

 

Foron a  voz dunha nova edición da festa da lingua que implica aos máis pequenos e que este ano mobilizou a 1.780 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria de 22 centros educativos. Promóvena cada ano dende A Mesa, CIG Ensino e a Asociación Sociopedagóxica galega, coa colaboración do Concello.

De Vigo inscribíronse os CEIP Otero Pedrayo, Igrexa de Candeán, Virxe do Rocío, Balaídos, Seis de Nadal, Chans Bembrive, Carballal Cabral, Canicouva, Ría de Vigo e Santa Cristina, xunto aos IES de Beade, Candeán, A Guía, Valadares, Carlos Casares, Castelao e o xa nomeado Santa Irene.

Sumáronse centros de Gondomar (IES Terra de Turonio), Ponteareas (IES de Barral), Tui (IES San Paio), IES de Salvaterra e Porriño (CEIP Cruz Budiño).

Os máis cativos agardaron no parque de Castrelos a chegada do resto. Amenizou a espera Paco Nogueiras, que con tema “Festa!” quedou en cuarto lugar no concurso Cantalingua, que gañou a banda viguesa A Gramola Gominola con “Superlingua”.

 

 

Para os de Primaria e Secundaria o punto de encontro foi como cada ano a Praza do Rei, onde recibiron o saúdo dos concelleiros. De aí, portando as cartelas galeguistas marcharon pola avenida Camelias e As Travesas ata o parque. Fraqueados por motoristas da Policía Local, realizaron o percorrido cantando e aplaudindo aos viandantes. Os coches aparcados en dobre fila no carril contrario ocasionou algún embotellamento e pitadas que axiña pasaron de ser bocinazos de protesta a saúdos sonoros dos condutores.

Xa en Castrelos comezou a xornada reivindicativa. O grupo Cuarta Xusto puxo o fin de festa coa interpretación da cantiga “Presumo de galego”, composición que quedou en segundo lugar no concurso musical.

Te puede interesar