Traballadores do Chuvi ven a sanidade pública 'en serio perigo' e maniféstanse contra o modelo do novo hospital

Traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) manifestáronse este xoves polas rúas da cidade olívica baixo o lema 'Ilumina a sanidade pública' para denunciar que esta permanece en 'serio perigo' e mostrar o seu rexeitamento ao modelo de financiamento do novo hospital.

Máis dun centenar de persoas saíron do Hospital Xeral pasadas as 19.00 horas provistos de velas e outros obxectos luminosos, en consonancia co lema da mobilización, e marcharon por diversas rúas da urbe ata chegar á Porta do Sol, onde concluíron o acto.

O representante de Sanidade de CC.OO. Ángel Cameselle defendeu a 'mobilización cidadá' como o mellor xeito para lograr que a Xunta 'non consume' o modelo de financiamento para a nova infraestrutura sanitaria --xa adxudicada--, un modelo concesional que deixa en mans de empresas privadas a construción e a xestión dos servizos non sanitarios.

Cameselle explicou que un hospital con financiamento privado sae máis caro e advertiu de que este incremento de custos, tendo en conta a época de crise, supón 'hipotecar o futuro'. Así, o colectivo que este xoves manifestou a súa protesta estima que o custo final da infraestrutura alcanzará os 1.820 millóns de euros, 'case cinco veces máis' que o previsto.

Por iso, Cameselle preguntouse 'como se xustifica' que se recorra a un método que 'vai saír máis caro' e, nese sentido, explicou estase a barallar presentar un contencioso-administrativo. En todo caso, confiou na 'mobilización social para cambiar as cousas' e facer que a Xunta dea marcha atrás na súa decisión.

Te puede interesar