Santiago Veloso, presidente de Ponte… Nas Ondas!

Santiago Veloso: "Fomos unha das primeiras emisións de radio por internet"

Santiago Veloso, na súa visita ao set de Atlántico TV.
photo_camera Santiago Veloso, na súa visita ao set de Atlántico TV.

Tras máis de dous décadas de traballo en ducias de escolas de Galicia e Portugal, a Unesco recoñeceu a Ponte… Nas Ondas! incluíndo á asociación no rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. O seu presidente, Santiago Veloso, visitou Atlántico TV para falar deste fito.

 

 

Que significa este recoñecemento para a asociación?

Que unha experiencia nacida na Eurorrexión sexa inscrita como un modelo para todo o mundo para nós é unha satisfacción e sobre todo un recoñecemento a 27 anos de traballo que hai detrás.

Propuxeron crear en Valença un centro de referencia do patrimonio inmaterial galego-portugués. Hai algún avance neste asunto?

Entendemos que ese patrimonio común e tamén as boas prácticas con el precisan un lugar de referencia para que a sociedade o coñeza. Nese sentido, a Eurocidade Tui-Valença mostrou a súa dispoñibilidade a facer ese centro e pensamos que vai ser unha realidade a medio prazo. Ademais, vai estar xusto ao pé do Camiño de SAntiago para que os visitantes coñezan que hai un patrimonio común desde sempre.

Hai plans de facer algo similar a este lado da fronteira?

O lugar ideal para nós sería xusto no medio do río (risas). Escolleuse un edificio que vai a supor unha renovación dun espacio moi simbólico como é a Antiga Alfândega de Valença. E dalgunha forma, tamén vai ter un pé no outro lado, porque vaise crear unha radio do patrimonio porque a idea é tamén que Ponte... Nas Ondas! teña un espacio de visibilidade nese centro. Entón, a idea é que entre a Radio Municipal de Tui e o centro de patrimonio, establézase unha ponte para que esa sexa realmente a radio do patrimonio.

Que actividades se levarían a cabo neste local?

Aínda están sen concretar moitas liñas, pero a idea é que sexa un centro vivo. Queremos que haxa unha exposición sobre ese patrimonio común galego-portugués. Ao mesmo tempo, queremos que haxa un laboratorio de radio para que os centros educativos poidan ter un espazo onde crear programas, podcast ou vídeos relacionados co patrimonio das dúas beiras, que sexa un punto de encontro. Tamén queremos que sexa un centro no que poida haber actuacións, presentacións ou unha serie de ‘performances’ relacionadas co patrimonio inmaterial.

Levan case 28 anos traballando na divulgación do patrimonio galego-portugués dende as escolas. Por que se elixiu o ámbito educativo para levar a cabo estas actividades?

Os contextos nos que se transmitía o patrimonio inmaterial estanse perdendo ou xa se perderon, é dicir, as prácticas máis tradicionais onde o patrimonio inmaterial está vivo mudaron ao longo dos tempos, entón é preciso que as novas xeracións o coñezan no sistema educativo, tanto de xeito formal como informal. E dalgunha forma, iso é o que propón a Unesco.

Como responderon os cativos a cuestións tan complexas como a conservación do patrimonio inmaterial galego-portugués?

Xa hai unha perspectiva para ver que ducias de alumnos descubriron en Ponte... Nas Ondas! a súa vocación. Hoxe xa temos figuras do xornalismo que están traballando e din abertamente que esta iniciativa abriulle unha nova xanela para ver que alí tiñan unha vocación. Ademais, moitos mozos coñeceron que hai unha cultura común entre Galicia e Portugal que moitas veces non está tan explícito no sistema educativo.

Ponte… Nas Ondas! traballou moito para dar valor a un medio de comunicación como a radio. Que plans hai dende a asociación para o día da radio de 2023, o vindeiro 13 de febrero?

Moi pouca xente sabe que Ponte... Nas Ondas! foi unha das primeiras emisións de radio por internet que se fixo, no ano 1998. Aí innovamos e nese sentido sempre quedaremos como unha experiencia moi radiofónica. Estamos preparando para o día 13 unha grande celebración arredor da radio para conmemorar ese recoñecemento de Unesco de Ponte... Nas Ondas! Moitos centros educativos van ir a facer programas de radio a estudios locais, desde os seus centros, e desde tres epicentros que imos ter: Braga, Vigo e Santiago.

Están traballando actualmente en novas liñas de actuación?

Este ano cúmplense 20 anos da Convención de Salvaguarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. Temos algunhas accións que faremos ao longo deste ano. Unha delas é unha exposición que queremos levar á sede de Unesco en París, pero a idea é visibilizar o modelo Ponte... Nas Ondas! a través dunha grande mostra que estamos intentando ter rematada para este ano con ese motivo do 20º aniversario. Tamén temos unha liña moi importante que é integrar o modelo Ponte... Nas Ondas! nos sistemas educativos tanto en Galicia como en Portugal. Hai pasos dados, de feito o conselleiro de Educación manifestou a súa intención de facelo.

Te puede interesar