vigo

Os Premios da Crítica viaxan ao espazo

Fernando Aguado recibe de mans do físico e divulgador Jorge Mira a estatuíña de Martín Codax polo proxecto “Lume 1”.
photo_camera Fernando Aguado recibe de mans do físico e divulgador Jorge Mira a estatuíña de Martín Codax polo proxecto “Lume 1”.
Distinguiron o proxecto de picosatélite “Lume 1” da Universidade de Vigo na edición con máis presencia feminina entre os galardoados. A entrega dos premios celebrouse onte na cidade como vén sendo tradición

 “Teñamos o valor de darnos o futuro”. Estes versos do poeta coruñés, recentemente falecido, Manuel Álvarez Torneiro foron os elexidos como lema deste ano dos Premios da Crítica de Galicia, uns galardóns que se entregan na cidade de Vigo dende hai 42 anos e que promove a fundación do mesmo nome. E parece que serviron de guía, xa que se convertiu na edición máis feminina, con catro mulleres galardoadas —o mesmo número que homes— e con propostas premiadas moi arriscadas en canto ás súas concepcións estéticas e técnicas.

Un dos galardóns, amais, tivo un marcado carácter vigués, xa que foi premiado un proxecto da súa Universidade que orbita no espazo: o nanosatélite “Lume 1”, que terá aplicacións na loita contra os incendios forestais. Outorgado na categoría de Investigación, foi o que máis debate xerou entre o xurado debido a calidade dos tres finalistas, procedentes de eidos moi dispares (científico, tecnolóxico e social). Finalmente, premiouse ao “Lume 1” por supoñer “unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país como o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo”. O director deste proxecto, Fernando Aguado Agelet, defendeu a investigación que se desenvolve nas universidades públicas en Galicia e lembrou que esta é “unha aposta de futuro do que xa é presente na sociedade”. 
A modalidade de Creación Literaria foi para a obra “O mar que nos leva”, primeira novela da veterana tradutora Moncha Fuentes (Edicións Xerais); o de Artes Plásticas recaíu na recoñecida escultora Soledad Penalta; Artes Escénicas foi para Rut Balbís, emerxente creadora dentro da escena da danza contemporánea; mentres que en 
Gastronomía recoñeceuse o labor de Lucía Freitas, primeira muller que consigue en Galicia unha Estrela Michelín co seu restaurante A Tafona. Os demais galardoados foron o Festival de Poesía do Condado, en Iniciativas Culturais; o profesor Xan Carballal, en Música; e á serie de televisión “Fariña”, en Cine e Artes Audiovisuais.
Os Premios da Crítica cambiaron este ano o seu formato e, logo de oito edicións celebrándose no decurso dun xantar, mudaron a unha gala que tivo lugar no Auditorio do Centro Social Afundación. O acto, á que por primeira vez en moitos anos non asistiu ningún representante da Xunta de Galicia, foi aberto por Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica, quen salientou que “o século XXI está sendo unha época de esplendor na nosa historia”.
A gala reuníu a más de 300 persoas relacionadas coa cultura chegadas de toda Galicia. También asistiron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, así como Carlos López Font, en representación da Deputación, e o alcalde de Vigo, que pechou o acto.
Abel Caballero aludiu aos lazos destes premios con Vigo, unha cidade que se sinte “fondamente galega” e que foi escenario do xurdimento de movementos políticos e culturales. Por iso alertou de que estamos a vivir nun momento no que “vemos asomar xestos que creíamos superados hai 40 anos” e que ameazan a cultura e o librepensamento. n

Te puede interesar