Vigo

Premios da Crítica 'online'

Vigo

vigo

Premios da Crítica 'online'

Bieito Ledo e Manuel Bragado, arrodeados das figuriñas de Sargadelos, diseñadas por Díaz Pardo, que representan a Martín Codax e que se entregan cos premios.
photo_camera Bieito Ledo e Manuel Bragado, arrodeados das figuriñas de Sargadelos, diseñadas por Díaz Pardo, que representan a Martín Codax e que se entregan cos premios.
Olga Novo, Bieito Alonso, "GCiencia", Margarita Viso, Alfonso Costa, Os Monicreques de Kukas, Óliver Laxe e Festa do Marisco do Grove, premiados nunha nova edición destes galardóns que estivo marcada pola pandemia
nnn Tiñan que terse celebrado no decurso dun xantar en Vigo que reunise ao máis sobranceiro do mundo da cultura galega, pero a pandemia veu interromper unha tradición iniciada hai 43 anos. Os Premios de Crítica de Galicia, que convoca a fundación do mesmo nome, déronse onte á mañá na sede de Afundación logo das deliberacións dos xurados, que desta vez debatiron vía streaming, e os resultados, comunicados polo presidente desta entidade, Bieito Ledo, e o seu secretario, Manuel Bragado, en conferencia de prensa a través da súa canle de YouTube.
O lema de esta edición non podería ser máis oportuno, xa que alude á esperanza dos tempos vindeiros: "A nosa fala. Na súa acea a moerse está o pan do porvir", frase de Ricardo Carvalho Calero —acompañada dun cadro do pintor Antón Pulido—, a quen este ano estaba adicado o Día das Letras Galegas e que Ledo quixo lembrar. O presidente dos Premios da Crítica salientou que xa van 43 entregas dunha "iniciativa colectiva" que botou a andar en 1978 —"somos preconstitucionais e preautonómicos", comentou— e cuxos pilares básicos son a pluralidade ideolóxica, a pluralidade xeracional, a pluralidade territorial, a competencia dos xurados e a igualdade de xénero, lograda nas últimas edicións, nas que mesmo houbo máis mulleres que homes premiados.
Este 2020, o premio de Creación Literaria recaíu na obra "Feliz Idade", de Olga Novo (Kalandrada), a gañadora deste ano do Premio Nacional de Poesía 2020 e que aquí competía con "Atlas" de Alba Cid (Galaxia), "Memoria do silencio" de Eva Mejuto (Xerais) e "O último barco" de Domingo Villar (Galaxia). O xurado, nas súas deliberacións virtuais, salientou "a forza lírica" da obra gañadora. "É un canto á vida no que conflúen pasado, presente e futuro", dixo, e no que destaca "a potencia da lingua poética e a escolla das referencias culturais".
O Premio de Investigación foi para a obra "Anarquistas galegos en América" de Bieito Alonso, publicada pola editorial Galaxia. Unha investigación rigorosa, segundo o xurado, que entrelaza o tema do anarquismo co da emigración.
En Iniciativas Culturais e Científicas galardouse o portal web GCiencia, que dirixen os xornalistas vigueses Eduardo Rolland e Pablo López, por ter logrado "normalizar o uso do noso idioma tanto na ciencia como na rede".
O Premio da Crítica no apartado de Música foi para a compositora, pianista, editora e musicóloga Margarita Viso polo seu compromiso e excelencia e, sobre todo, en "agradecemento polo seu labor a prol da música contemporánea".
En Artes Plásticas o galardón foi para Alfonso Costa, recoñecido pintor e gravador de Noia que o pasado ano realizou diversas mostras en Galicia e foi convidado a expoñer a súa obra no Castelo de Neuburg en Passau (Baviera) convidado polo Parlamento Bávaro.
En Artes Escénicas premiouse a Os Monicreques de Kukas e o seu espectáculo "Arlequina", que sintetiza, en opinión do xurado, diferentes manifestacións artísticas.
O premio Cine e Artes Audiovisuais foi para Óliver Laxe e o seu filme "O que arde", o grande éxito do cinema galego máis recente, premiado o pasado ano en Cannes, nos Goya e preseleccionado aos premios Óscar.
Finalmente, en Cultura Gastronómica, premiouse á Festa do Marisco do Grove, un evento no que participan as mariscadoras e mariscadores, que edita os seus catálogos en galego e outros catro idiomas, que se celebra dende 1963 e que reúne a más de 200.000 persoas.
Bieito Ledo despediu a conexión lembrando que dende a Fundación Premios da Crítica “imos seguir traballando para que non arda, senón para que todo medre” en Galicia, “un país con moita maxia”, dixo, que ten que deixar de ser o ‘finisterre’ para ser “a cabeza do mundo”.n

Más en Vigo
Comentarios