Vigo

Pontón destaca en Vigo ser a “candidatura da mocidade”

Vigo

ELECCIONES 12-J

Pontón destaca en Vigo ser a “candidatura da mocidade”

Ana Pontón (centro) visitou onte Vigo para manter un encontro coa mocidade nacionalista.
photo_cameraAna Pontón (centro) visitou onte Vigo para manter un encontro coa mocidade nacionalista.
A candidata do BNG presentou ante medio cento de xente moza as súas propostas sobre acceso á vivenda e o plan de emprego xuvenil
Ana Pontón, candidata á presidencia da Xunta mantivo onte un encontro con xente moza en Vigo á que convidou a ser o “motor” do cambio galego cunha mobilización masiva nas urnas o 12 de xullo, collendo a papeleta do BNG. “Pídolle á mocidade que sexa o motor do cambio galego porque estou convencida que se a mocidade inconformista, rebelde que non se resigna a ver como lle rouban o seu futuro se mobiliza nas urnas, imos ter un cambio galego e imos facer historia conseguindo que por primeira vez Galiza teña unha muller á fronte da Presidencia, que teña un goberno liderado polo BNG que servirá para que a mocidade saia da precariedade e da emigración á que a conduciron as políticas do PP”, salientou Pontón.
A líder do Bloque agradeceu o apoio que recollen todas as enquisas da xente nova cara a súa candidatura e que, máis aló desa tendencia. “Somos a candidatura que máis apoio desperta entre a xente moza, somos a candidatura da mocidade”, proclamou, “e queremos ser tamén o goberno que consiga que os mozos e as mozas non teñan que seguir emigrando ou precarizados, por contra, queremos que teñan confianza no futuro porque unha mocidade desesperanzada é o maior fracaso que podemos ter como sociedade, hai que darlle oportunidades, que se sintan orgullosos e orgullosas nesta terra”.
Neste sentido, e ante medio cento de mozos e mozas, Pontón apuntou as principias medidas que recolle e Bloque no seu programa de Goberno para a mocidade, centrándose naquela previstas para darlle a oportunidade de desenvolver o se proxecto vital no país e, por tanto, que afectan ao binomio traballo-vivenda. En materia laboral, o BNG recolle a posta en marcha dun plan de emprego para a mocidade que conceda un papel especial a inserción laboral da xente moza nos sectores estratéxicos da economía, e permita tamén de paso a renovación xeracional do capital humano neses sectores. A isto se suma un plan retorna da xente moza, “un drama persoal pero tamén colectivo, nun país cun nivel de envellecemento da poboación moi grave”, indicou.
No que respecta ao acceso á vivenda como porta a emancipación da xente moza, o programa do Bloque inclúe a posta en funcionamento dun banco de vivenda pública para administrar e xestionar vivenda baleira con vistas a súa disposición en aluguer, con perspectiva social, a prezos asequibles que poda pagar a xente nova. E tamén un fondo social de vivenda como instrumento económico para desenvolver unha política de vivenda pública, “completamente abondonada ao longo destes once anos de goberno do PP”, sinalou a candidata á presidencia da Xunta.
“Quero liderar un Goberno que poña no centro da súa acción política a defensa do dereito a un emprego digno e a unha vivenda, para que a xente moza poda construír o seu proxecto de vida sen verse obrigada a elixir entre a precariedade ou coller as maletas”, concluíu Ana Pontón.

Más en Vigo
Comentarios