A ollada da xeración ‘estafada’

imagen
Moito tardaches!” Esta frase, que lle espeta a pantasma do seu pai a Gabriel Lamas dá pe á última novela de Agustín Fernández Paz, coa que este autor se estrea na narrativa para adultos. Non obstante, estamos ante un escritor con moitos anos de oficio e un dos novelistas máis lidos, vendidos, premiados e traducidos da literatura galega, ben coñecido entre o público infantil e xuvenil de todo o estado (foi Premio Nacional de Literatura Invantil e Xuvenil 2008, dous libros seus figuran na Lista de Honra do IBBY e na Lista The White Ravens e este ano foi escollido candidato español ao Premio Andersen, considerado o Nobel da narrativa infantil).
Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) achéganos agora “Non hai noite tan longa” (Edicións Xerais de Galicia, 2011), unha obra na que un suceso familiar —a condena inxusta ao cárcere do pai do protagonista e que provocara a súa morte— serve de fío para presentarnos dúas sociedades, a Galicia de principios dos anos 70, cando Gabriel Lamas marcha a París, e a Galicia de 2002, á que regresa para axustar contas cun pasado do que non pode fuxir.

Trátase dunha novela honesta, na que se fai unha autocrítica de moitos aspectos da nosa sociedade e que Fernández Paz fai fluír cunha prosa áxil e un estilo e unha trama que entran de cheo no xénero da novela negra, con numerosas referencias literarias, históricas e cinematrográficas. A primeira clave dánola a propia portada do libro: a imaxe de Rosa Parks, a primeira muller negra que se negou a ceder o asento no autobús a un branco, fotografía que, segundo confesa o escritor, para el é unha auténtica icona. Un misterio cun inicio shakespeariano que se resolve, ainda que o libro queda cun final aberto. Xa se prepara a súa tradución e unha segunda edición.

Tras desta novela hai un traballo intenso de documentación.

Partín de libros que están na rede, do Consello da Cultura, interesantísimos sobre a emigración galega en París, a emigración política e a outra. Tamén documentais sobre o campo de concentración de Francia (Argelès-sur-Mer) onde foron parar os exiliados españois tras a Guerra Civil. Hai moita documentación, moitos testemuños de xentes que estiveron alí e que aínda que non saian na novela están aí.

“Non hai noite tan longa” é a historia dunha xeración, de galegos que marcharon fóra e dos que quedaron aquí.

Marcharon moitísimos por diversos motivos. Consultei a un amigo que estivo en París e me contou onde se xuntaban alí os exiliados e os non exiliados, onde ligaban coas españolas, que estaban de criadas a meirande parte delas. Lin El Ruedo Ibérico (cadernos da editora creada en París por un grupo de exiliados) que tamén aparece no libro. A propia novela, coa documentación que tes, márcache o ritmo. Logo hai que facer coma os cineastas, que rodan horas de película e despois teñen que darlle forma no proceso de montaxe.

Aínda que a súa literatura distínguese por afastarse dos cánones considerados tradicionais na literatura infantil e xuvenil, formulouse esta novela de xeito distinto por ser para adultos?

Fíxena igual cás outras, procurando facer a novela da miña vida, que é como o intento sempre. Cando o borrador estivo lexible foi cando o editor planteou a posibilidade de sacala en edición de adultos. E desta vez díxenlle que sí. Era unha experiencia nova e quería ver se cambiaba a recepción crítica.

Pesa nos editores á hora de catalogar as obras a ausencia de escenas eróticas? Existe ese pensamento de que a xente nova son anxos sen sexo?

Creo que non, porque ten saído novela xuvenil en Xerais con bastantes máis elementos eróticos dos que aparecen nesta novela. Máis ben creo que trato un tema que afecta a unha xeración de cincuenta e tantos anos. Ten unha carga xeracional que tamén lle está a chegar a xente máis nova. O obxectivo do libro era axustar contas co pasado. Fumos estafados e eu iso o levei moi mal. Fun estafado cando se nos negaban películas, libros e música tal como eran. Agora miro as películas, como Un tranvía llamado deseo, sin censuras e cabréome.E peor foi para as mulleres.

Iso queda reflectido no personaxe de Milucha, a ex noiva de Gabriel.

Si. Conta moi ben o que supuxo para a muller toda aquela época de represión. Iso cóntanmo as amigas da miña xeración, que tamén fixeron a súa aportación, xa que o que di Milucha é tal cual. O de “Madre Inmaculada, antes muerta que manchada” mo dixo unha amiga miña; era o que lle decía o cura nos exercicios espirituais. Era unha represención no sexual que a xente de agora non se pode imaxinar.

Galicia, nas dos sociedades que se nos presenta no libro, non sae moi ben parada.

Nas vilas e aldeas sempre houbo unha gran presión social. Quedan as historias familiares, o 'de quen ves sendo' e a mentalidade de asociar o cemento ao progreso fronte ao campo. Por outra banda, quixen mostrar, por medio dunha pequena desgraza familiar, o que foi a represión desa época e que o mal que poden facer as persoas pode estar en casos aparentemente pequenos coma este.

Emprega o estilo da novela negra. Sentiuse cómodo no xénero?

Pareciame axeitado porque na boa novela negra, na novela negra clásica, a trama serve para retratar o panorama social. A intención era enganchar ao lector ao mesmo tempo que se mostra a realidade social.

E despois de todo o que acontece no libro, hai esperanza?

Está Milena (a sobriña de Gabriel Lamas). Representa a esperanza nas novas xeracións. Este libro escribiuse antes do 15-M e eu estou seguro de que Milena estaría acampada. Esta no é unha xeración perdida, como dixo algún organismo. Eu teño fe nela.

Te puede interesar