María do Ceo, presenta o seu novo disco “Galicia Nai”

María do Ceo: "Creamos un novo estilo, o fado miñoto, coa fusión do galego e do portugués"

María do Ceo, na súa visita a Atlántico TV.
photo_camera María do Ceo, na súa visita a Atlántico TV.

María do Ceo visitou o set de Atlántico TV para presentar o seu último traballo, o libro disco “Galicia nai”. Baixo o título “Galicia Nai”, musicaliza ao xeito do fado composicións de poetas galegos e cancións populares.  

 

 

A que canta neste disco?

Está composto por doce poemas de autores marabillosos, poetas da literatura galega entre eles, Rosalía de Castro e o seu “Adios ríos, adios fontes” co que pecho o disco; Neira Vilas, Armando González López, Ricardo Carvalho Calero, Xosé Velo e Manuel María con “A Fala” para abrir. Síntome orgullosa deste traballo, co que veño a celebrar os meus 25 anos de carreira, é un agasallo para todo o público galego polo seu cariño e apoio.

 Musicaliza a autores de renome, entre eles a Xosé Velo, a quen se está redescubrindo tralo seu 50 cabodano.

Foi o autor do prólogo, Xosé González Martínez (Pepe de Redondela) quen me amosou un dos seus poemas, “Espranza". Eu quedei prendada, namorada deses versos e púxenme a musicalo, souben que non podía faltar neste disco.

Aínda que naceu en Porto, de nena mudouse coa familia a Ourense. Como inflúe esa fusión cultural na súa música?

É unha mesturas para ben, desas mesturas que se unen perfectamente. Moita xente xa o sabe que levo residindo aquí 53 anos, aínda que outros pensan que cada vez que actúo en Galicia veño dende Portugal. Vin aos 10 anos da man dos meus pais, primeiro veu o meu pai a traballar a España (a Ourense) para a mellora de emprego e logo chamounos a todos, catro irmáns e a miña nai. Foi polo meu pai e polos discos que me trouxen de Amália Rodrigues que naceu o meu amor ao fado. Comecei a cantar de xeito profesional aos 40 anos, xa tiña 30 de convivencia en Galicia é a miña fonética era moi galega. A partir de aí en Portugal fun a galega que canta fado e en Galicia, a portuguesa que interpreta fados. Agora, eu síntome galega, aínda que teño moita familia na outra beira, a máis directa é de aquí, o meu home, os meus fillos, os meus netos son galegos.

Se ben se lle coñece como cantante de fados, é Pepe de Redondela quen di nese prólogo que María do Ceo é moito máis.

O pao que elixín dende que era moi noviña foi o estilo fado, pero non quita que podo cantar calquera outro tipo de música como calquera persoa que se adica a isto pode facelo, mellor o peor. Aínda que os letristas como Armando González me axudaron, a creación dun estilo novo, o fado miñoto, que sube dende Porto ata o río. É algo que só se da nesta zona de entendemento, de Porto para abaixo xa non é esta dozura, non ten nada que ver. Cubrín ese oco que ninguén facía con esa fusión do galego portugués, cantando aos poetas da literatura galega, para min, son do mellorciños que hai, e fusionalos cos acordes e co estilo do fado. 

Abre o disco con “A Fala”, de Manuel María. É unha mensaxe directa?

Unha mensaxe directa ao corazón. Cando escoito a Manuel María quedo namorada, amais está tan de actualidade. É dicirlle a xente: “que estamos a facer?”. Hai que escribir moito e cantar moito en galego para que o idioma perdure. Foi unha das razóns para asumir os versos como unha declaración de intencións tanto coa lingua como coa muller. É un disco moi feminino, tódalas cancións están relacionadas con Galicia, coa muller galega.

Te puede interesar