vigo

Marea recuperará programas como "Súbete ao Castro"

Rubén Pérez, coa deputada Paula Quinteiro e Xaquín Pastoriza, de Podemos, número 3 da lista.
photo_camera Rubén Pérez, coa deputada Paula Quinteiro e Xaquín Pastoriza, de Podemos, número 3 da lista.

nnn Marea de Vigo traballará dende o Concello para recuperar os programas de ocio alternativo, como o “Súbete ao Castro”, e a actividade da Casa da Xuventude. A deputada de Unidas Podemos no Parlamento de Galicia Paula Quinteiro propón unha acción coordinada en materia de vivenda e emprego “para que a xente moza poda quedarse a vivir na nosa cidade”.
A recuperación de programas alternativos de ocio, a actividade da Casa da Xuventude e as políticas para facilita o acceso á vivenda e ao emprego serán accións prioritarias da Marea de Vigo para o vindeiro periodo de mandato municipal.
O candidato á Alcaldía, Rubén Pérez Correa, criticou o “desmantelamento de infraestructuras de encontro xuvenil, como era o programa “Súbete ao Castro” no edificio da ‘Cámara de Chaves’ da traída de auga. Pérez lembrou que este programa foi “importantísimo na dinamización do ocio alternativo da mocidade viguesa”.
Rubén Pérez anunciou que a Marea de Vigo traballará para que estas políticas se recuperen cunha dotación orzamentaria suficiente por parte do Concello.
As políticas de xuventude son un exemplo “do que a Marea de Vigo quere enmendar nesta cidade”, segundo manifestou o candidato á Alcaldía, que lembrou tamén “o desmantelamento de gran parte dos servizos e actividades da Casa da Xuventude”.
Rubén Pérez visitou o lugar onde se facía o “Súbete ao Castro” coa deputada de Unidas Podemos no Parlamento de Galicia Paula Quinteiro. Para amosar a importancia que a Marea de Vigo lle da ás políticas de mocidade, na visita tamén participaron os que ocupan os primeiros postos da candidatura: Oriana Méndez, Xaquín Pastoriza e Estela Miller. Paula Quinteiro manifestou que do mesmo xeito que as políticas de ocio para a mocidade están totalmente desmanteladas, “isto pasa tamén coas políticas en materia de vivenda e de emprego" para mozos.
Para a deputada autonómica é necesaria unha acción coordinada dende as diferentes Administracións porque “dende o Concello poden ofrecerse moitas alternativas" para que a xente nova non teña que emigrar por falta de alternativas, como sucede actualmente”. 
Lembrou a parlamentaria de Unidas Podemos neste sentido, que “a situación é moi grave polo desemprego” que castiga dun xeito especial á xuventude.
Entre as medidas sobre xuventude incluidas no Programa Vivo da Marea de Vigo para as eleccións destaca a creación dun Plan Municipal de Emprego Xuvenil e a posta en marcha dende o Concello dunha bolsa de emprego novo e non precario. n

Te puede interesar