VIGO

Unha marea escolar percorreu o centro en prol do galego

Uns 1.700 estudantes de Primaria e Secundaria en centro escolares de Vigo e a súa contorna participaron onte nunha nova edición do Correlingua

A rapazallada de Vigo e doutros catro concellos deuse cita na Praza do Rei para marchar baixo o eslogan “O galego é a fórmula”.
A rapazallada de Vigo e doutros catro concellos deuse cita na Praza do Rei para marchar baixo o eslogan “O galego é a fórmula”.
Unha marea escolar percorreu o centro en prol do galego

 Tralo eslogan “O galego é a fórmula”, uns 1.700 estudantes de Primaria e Secundaria congregáronse na Praza do Rei nun ambiente festivo. Vinte centros escolares de Vigo e de concellos da súa contorna (Porriño, As Neves, Gondomar e Nigrán) participaron así na nova edición do Correlingua, a dezaoito, para reivindicar o uso da lingua en tódolos ámbitos sociais.
Con Isabel Risco como mestra de ceremonias, rapazallada agardou a chegada do alcalde, Abel Caballero para que dera a saída da marcha. Recibido como unha ‘rock star’, saudou aos integrantes da comitiva, fíxose fotos e asinou autógrafos: “Tendes que vivir e gozar en galego todo o día e cada día”, afirmou.

Así, cando eran pouco máis das once da mañá, unha marea escolar dirixíuse cara Castrelos polo primeiro tramo de Camelias, pero as humanizacións afectaron ao percorrido habitual, xa que para evitar as obras, a comitiva desviouse por Hispanidade e baixando de novo a Camelias por Colmeiro e Praza da Independencia. Dende Praza América chegaron a Castrelos. Alí comezou toda un programa de actividades coas actuacións de  Paco Nogueira e Cuarta Xusta, que con “Un novo espertar”, gañaron o Cantalingua 2019.
Fíxose lectura do manifesto, o texto gañador de esta edición que correspondeu a “Temos química coa noso lingua”, do alumnado de cuarto da ESO de IES de Carral, que concursou baixo o alcume Toxos.
Ao berro de “O galego é o noso símbolo”, a mocidade, a meirande parte castelánfaltante, reivindicou o uso do galego na vida cotiá e fundamentalmente dentro das aulas. 
A marcha foi unha das que se organizan por todo o territorio galego. Está convocada pola Asociación Cultural Correlingua na que colabora CIG Ensino, A Mesa pola Normalización, a Asociación Sociopedagóxica galega, as deputacións de Pontevedra, Coruña e Lugo, así como os principais concellos do país, entre os que está o de Vigo.n