Luis Bará: “A corrente de simpatía actual que ten o BNG é impresionante, nunca vira tal cousa”

Luís Bará, no exterior das instalacións da UVigo.
photo_camera Luís Bará, no exterior das instalacións da UVigo.
Luis Bará é cabeza de lista provincial do BNG ás eleccións galegas

Luís Bará (Vilaboa, 1965) é licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola USC. Entrou como conselleiro en Pontevedra en 1995, onde impulsou varias iniciativas culturais na cidade. É cabeza de lista provincial polo BNG nestas eleccións galegas. 

As últimas enquisas dan como gran beneficiado o BNG. Como as valora?

Marcan unha tendencia, que é o ascenso forte ou incluso espectacular do BNG fronte á caída do PP. Nótase no ambiente a pé de rúa moita ilusión, porque Ana Pontón conta cun proxecto de país lonxe do esgotamento de 15 anos de mandato que fixo o Partido Popular. A xente está indicando que quere un cambio e hai unha motivación para facelo patente. 

Está a centrar moito a campaña nos barrios e nas parroquias.

Son fundamentais, pero tamén as cidades. Creo que os bos datos que temos é un fenómeno xeral. Estamos nun momento onde a corrente de simpatía actual que ten o BNG é impresionante, nunca vira tal cousa. Está sendo moi diferente a outras épocas nas que non tiñamos tanto apoio social. 

Vigo vai ser clave para estas eleccións?

Tanto Vigo como Pontevedra. Nese ámbito, pode ser que subamos tres escanos, que son os que deixaría de sumar o Partido Popular. Temos que traballar moi duro estes días porque a maior parte do electorado decide o seu voto nos últimos días. Tamén axudou moito o debate na galega. Aí viuse a un Rueda sen pulso fronte a unha Ana Pontón que puxo propostas sobre a mesa. Tal foi o cambio que Pontón xa está cerca do 50% nas enquisas de quen pensa a poboación que vai ser o presidente, moi igualada con Alfonso Rueda. 

O debate no bilingüismo nas aulas está moi presente nesta campaña. Cal é a visión do BNG?

 O galego é unha lingua discriminada, non está en igualdade. Temos que impulsala, que volva as nosas vidas porque non pode perder a súa posición. E iso non só na educación, senón en todos os aspectos da vida. Alguén que vote en contra de impulsar a lingua do país que goberna, como fixo Rueda en manifestacións, non pode ser o presidente da Xunta. 

 Como vive as campañas electorais Luís Bará?

Con entusiasmo, tamén porque voume contaxiando da xente coa que me vou atopando. Estamos nunha corrente favorable, e iso axuda moito. Fai que a campaña sexa moi fácil. Pero tamén con moita intensidade. Tento intentar multiplicarme durante a última semana para chegar a todos os sitios posibles, o igual que no propio día das eleccións para dar ánimos ós compañeiros que están nos colexios electorais. Agora non existe o tempo de lecer, xa haberá tempo de desfrutar tralas eleccións. Iso sí, na xornada de reflexión intentarei desconectar un pouco da política para desfrutar de familia e amigos.

Te puede interesar