SÉS Cantautora. Realiza hoxe o seu concerto en Vigo

“O idioma nunca foi un impedimento e madrid foi un dos lugares onde mellor me acolleron”

María Xosé Silvar, conocida como Sés.
photo_camera María Xosé Silvar, conocida como Sés.

 Un dos últimos fenómenos da música en galego actúa esta noite en Vigo. Sés, nome artístico de María Xosé Silvar (A Coruña, 1982), presenta o seu sexto traballo "Rabia ao Silencio", un compendio de cancións populares e de autor vencelladas aos movementos sociais do século XX.

Coa mesa enerxía que a caracteriza, a cantautora coruñesa sóbese ao esceario do Teatro Afundación ás 21 horas, cun espectáculo máis calmado pero igual de intenso.

“Rabia ao Silencio'' é distinto aos seus anteriores álbumes, como xorde esta idea?
Realmente naceu como un espectáculo pero acabou sendo un disco. As letras non son miñas, pero síntome moi identificada. ''Rabia ao Silencio'' é unha débeda que tiña, un espectáculo homenaxe a quen me ensinou a pensar. Recordo de moza estar na casa facendo os deberes e escoitar a Víctor Jara e quedar parada, abraiada con esa voz. A miña faceta artística nace por iso, non por ser boa musicalmente. O único interese é presentar sen complexos unha forma de pensar, é no que se sustenta a miña carreira.
Manter esa integridade é a clave do seu éxito?
Tendemos á homoxeneización, algo perigoso para a produción cultural. Ser fiel a un mesmo creo que é o éxito, non en termos cuantitativos porque moitas veces pensamos que é vivir da música sexa como sexa. Para o triunfo non hai claves, pero atreverse a ser quen eres é o único que podes facer. Hoxe en día e moi complicado ser íntegro co que somos, pero penso que é importante facelo.
Cal é a recepción do seu público a este novo traballo?
Non hai queixa (ríe). Din moito o de ''máis maduro''. É maís calmado, unha versión de min que sempre existiu pero que non se viu antes. É normal que guste porque son ''temazos'', cunha proposta escénica brutal.
Caracterizada por unha gran enerxía sobre o escenario, desta vez o espectáculo é máis pausado?
Son unha tía intensa e este espectáculo é igual de intenso que os anteriores ou máis (ríe). Moitas veces identificamos a intensidade co salvaxe, pero tamén son moi tranquila e vaise poder ver neste espectáculo, que é máis calmado. Os protagonistas son os autores das cancións, eu soamente lles poño voz.
O carácter salvaxe das súas presentacións ven acompañado por letras moi comprometidas. De onde provén esa inspiración?
Hai moita introspectiva, pero tamén sobre o que vivo no día a día. Son unha muller moi permeable, aféctame todo moito a ás veces é cansino. Doenme as cousas, non podo remedialo. A xente esquécese de que son unha persoa, de que tes dor e sofres. Non son Amancio Ortega e parece que os músicos somos divinos, para nada é así. Non podo ser allea aos problemas e inxustizas que vexo. Sempre se separou moito ao ser humano da persoa que se sobe ao escenario e a palabra artista quedou postergada. Prefiro que me chamen persoa que fai cancións, sinceramente. 
É unha abandeiradas da cultura galega e leva anos recorrendo Europa e outros puntos da xeografía española en concertos. Como a reciben?
Sempre fun moi ben tratada. O idioma non é un impedimento. É maior o problema que xenera a nosa propia percepción. En Alemaña estiven nun festival no que a xente acabou mercando todos os discos que levabamos para vender. Foi unha sorpresa porque non nos esperabamos ese recibimento. Outro dos sitios onde mellor me recibiron foi en Madrid. Hai máis xente culta que acepta as diferenzas dentro de España que os que non o fan. Idiotas hainos en todas as partes e non podes xulgar a todo o mundo por uns cantos 'hooligans'. Non podería desprezar a todo un público por un par de persoas que recurren ao odio. 
Cal cre que é o motivo para para que o uso do galego na música sexa distinto ao que ocorre en Cataluña ou País Vasco?
O problema é o odio á língua que chega dende o propio Goberno. Non é unha cuestión de esquerdas ou dereitas, é unha galegofobio institucionalizada. A producción cultural en Euskadi e Cataluña non vai contracorrente. En Galicia, si. n

Te puede interesar