Día das Letras Galegas

Unha homenaxe musical a Don Paco

A Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas, onte no teatro García Barbón.
photo_camera A Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas, onte no teatro García Barbón.
Estreo dunha peza composta a partir de poemas sobre Del Riego no Concerto das Letras

Francisco Fernández del Riego, lucense de nacemento –concretamente de Vilanova de Lourenzá– estivo moi vencellado a Vigo durante a súa carreira profesional, polo que o Consello da Cultura Galega decidiu celebrar o tradicional Concerto das Letras Galegas na cidade na que deixou grande parte da súa pegada literaria e finou en 2010. 

A Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas foron os encargados de poñer a música nun día adicado completamente a Don Paco, como se lle coñecía no eido máis persoal, no que se estreou unha obra orixinal encargada ex profeso para tal acontecemento a partir de dous poemas louvando a Fernández del Riego escritos por Salvador García-Bodaño e Xaime Isla; pois as características da obra do homenaxeado facían practicamente imposible compoñer unha obra musical a partir de textos seus.

O concerto comezou con “Escena e Intermedio” da obra “La leyenda del beso”, unha zarzuela de 1924 escrita polo ponteareán Reverendo Soutullo e o valencián Juan Vert Carbonell. Este intermedio é un dos actos máis representativos desta peza, que tivo unha grande importancia no que se denominou a “restauración da zarzuela grande”.

A continuación, a Real Filharmonía interpretou o “Concerto grosso” escrito en homenaxe a Johann Sebastian Bach do lucense Jesús Bal y Gay, unha obra do 1951 que recupera elementos musicais do barroco composta para frauta, oboe, clarinete, fagot e orquestra.

En derradeiro lugar estreouse a “Sinfonietta” do vigués Brais González, obra encargada polo Consello da Cultura Galega que une dous poemas de García-Bodaño e Xaime Isla coa melodía popular galega “A miña burriña” nunha pequena sinfonía de 20 minutos con tres movementos moi diferenciados.

Te puede interesar