Historia

Historia da música galega, contada en Vigo a través da guitarra

Imaxe de Isabel Rei nunha actuación recente.
photo_camera Imaxe de Isabel Rei nunha actuación recente.

A guitarrista Isabel Rei debulla no Auditorio Martín Códax (20 horas) a crónica ‘esquecida’ deste instrumento “que é tan galego como a gaita”

Unha parte importante da historia da música galega atópase na investigación de Isabel Rei (A Estrada, 1973), guitarrista, profesora no Conservatorio de Santiago de Compostela e doutora en Historia, Xeografía e Historia da Arte pola USC. Máis concretamente, na súa tese de doutoramento, na que documenta a historia da música de guitarra galega entre os séculos XII e XIX e grazas á cal descubriu máis de 500 partituras “que datan como mínimo do barroco, a finais do século XVIII”. Hoxe, no Auditorio Martin Códax (20 horas) e como parte da celebración das Letras Galegas, Rei debullará parte desta historia a través das seis cordas cun concerto moi especial no que, grazas á ampla base documental da súa obra, tocará pezas relevantes relacionadas con Vigo. 

Isabel toca a guitarra “desde que era moi pequena” e a súa paixón levouna a querer descubrir a historia deste instrumento en Galicia: “Había un feixe de música de guitarra da que ninguén estaba a falar, pero non se fala de nós como guitarristas, só como gaiteiros”, sinala. Como un exemplo desta historia ‘esquecida’, Rei menciona a Xoán Parga: “No meu repertorio tocarei “A miña lira”, unha peza composta por este guitarrista ferrolán que é moi virtuosa e que está ao maior nivel europeo, mais non sei por que non se falou moito del”. 

Entre outras das pezas que ofrecerá hoxe ao público do Auditorio Martín Códax, están dúas cancións do compositor vigués Paco Barreiro ou catro muiñeiras escritas para guitarra, “que son moi bonitas e cando as toco a xente sempre se sorprende porque normalmente están feitas para gaita”. Ademais, neste repertorio atoparase tamén unha xoia que estivo a piques de desaparecer. Trátase de “O alalá e a alborada”, do Mestre Chané, da que o compositor vigués Santos Rodríguez fixo un arranxo cuxa partitura orixinal rematou en mans de Evanxelino Taboada, un artesán que construiu o reloxo do IES Santa Irene e que foi represaliado polo franquismo. “Saquearon a súa casa e semellaba que queimaran todo, pero esta canción sobreviviu e atopeina no Museo de Pontevedra durante a niña investigación”, explica Isabel Rei.

Te puede interesar