MARÍA XOSÉ QUEIZÁN Pioneira do feminismo en Galicia, escritora viguesa

“Hai moitas cousas que me difinen, son unha persoa que non calo, son rebelde”

María Xosé Queizán, onte, na presentación das súas memorias.
photo_camera María Xosé Queizán, onte, na presentación das súas memorias.

Perto de 800 páxinas precisou María Xosé Queizán para facer repaso a súa vida.

"Vivir a galope" segue unha liña temporal, que non cronolóxica, con saltos, reflexións e recreacións nunha nebulosa chea de sinceridade e honestidade, onde a propia autora cuestiona as súas propias decisións. Onte presentou as súas memorias en Librouro despois de contestar para os lectores de Atlántico algunha das mil preguntas que suxire o libro.

"Vivir a galope" significa ollar sempre cara diante?
Nunca tiven moito tempo para mirar cara atrás, tampouco me gusta. Son máis ben de futuro. Non creo na astroloxía, pero ser, son acuario e dis que se caracteriza pola búsqueda da liberdade e en ir sempre máis alá.
Dada tódolos proxectos nos que estivo implicada semella que o seu día ten a lo menos 36 horas.
É certo. Son que de facer moitas cousas, aproveito o tempo e traballo rápido. Ocúrrenseme máis cousas das que podo facer. Sempre estou a argallar coa mente. Sería unha perfecta programadora cultural, aínda que sempre dende un punto de vista progresista.
Foi testemuña de feitos trascendentais para Galicia, como a consolidación do Día das Letras Galegas ou o Día de Galicia. Era consciente de que pasarían a historia?
Supoño que si. Actúo por impulso, nunca pensei demasiado. Actúo de xeito espontáneo, non sempre co mellor resultado, outras si. Participei en moitas manifestacións, onde se tiña máis medo ás avalanchas que aos grises. Conseguín a lo menos en dúas ou tres ocasións que non escapasemos das cargas e non pasou nada.
Dende a súa casa da nenez en Urzaiz nos anos 40 á súa actual residencia en As Travesas foi testemuña do crecemento de Vigo. Recoñece a súa cidade?
Cambiou enormemente. Comezaron por estragar o meu primeiro lugar de xogos, o parque dos Capuchinos, onde non caín e me matei de milagre. Agora só hai casas, ata a igrexa está nunha casa. En parte desfíxose e en parte, fíxose nova. Dende a miña casa das Travesas vía todo Cangas e Cíes, agora o único que se aprecia, enmarcado entre edificios é o faro das Cíes cos seus desteños pola noite. Escribín unha poesía sobre iso.
Muller, galega e feminista. É un plantexamento a seu completo para granxear problemas.
Levantou moitísmo rexeitamento. Non me corto un pelo. Unha revista católica pedíume un artigo e mandeille sobre "deus muller e negra" e publicárono. Outra vez, subía no ascensor da universidade cun crego e varios catedráticos que me preguntaron que pensaba da muller na Igrexa, das monxas e eu díxenlles que eran as amas de casa de Cristo. Niguén me contestou nada. Digo o que me da a gana e custoume moito, como non me permitir o ingreso na Academia.
Nas súas memorias critica o pouco recoñecemento que tivo o seu legado literario. Considérase silenciada?
Ata agora. Hoxe son as mulleres novas as que me recuperaron, as que non están suxeitas ao modelos antigos. Son universitarias que saben ler e descubriron os meus libros. Case poderían ser as miñas netas, as que me sacaron do silencio. Antes non é que non me leran e que non dicían nada. Aínda agora me da esa sensación. Hai uns días fun a una presentación dun libro feminista e nomearon a referentes de todo o mundo. Eu estaba diante das súas narices e nen me citaron, nen as autoras, pero tampouco houbo ninguén que me nomease entre o público. As veces teño a fantasía de que me consideran a nai do feminismo galego, pero a hora da verdade non é así. (Pausa) Esto pode resultar un pouco ofensivo porque tamén hai mulleres que me valoran moitísimo. Este ano foi incrible, cheo de homenaxes. Gustoume moitísimo porque antes ninguén me reinvindicaba, agás Camino Noia e Xulián Moure, que sempre me quixeron.
No libro suxire que ser a ex-muller de Méndez Ferrín, un referente na literatura e da identidade galega, perxudicoulle?
Foi moi importante. Cando conseguín separarme en 1974, non gustou. Non foi doado porque se marchaba perdía aos meus fillos. Sentou fatal na UPG. Os homes solidarízanse moito, pasei a ser unha bruxa. Non o culpo a el, nunca dixo nada, culpo aos demais, que cando me atopaban soa dábanme moitos bicos, pero se estaban con el non me falaban.
Aborda sen nengún pudor a súa elección sexual, pero semella que a súa escolla foi resultado dun proceso racional onde acabou rexeitando as relacións heterosexuais que por un sentimento.
Rexeito as relacións heterosexuais por consideralas antinatura. Chegará un momento en que o ser humano estará creado polo ser humano, convertirase en deus, superando o creacionismo absurdo. Sempre lle digo aos meus amigos "el follar se va a acabar". Non lles gusta, pero temos que deixar de comportarnos como animaliños. A penetración é humillante e violenta para a muller. É moito máis racional e controlada a inseminación artificial. Logo namorei de mulleres. Pode haber mulleres que queiran dominar sexualmente sobre a parella, pero lles falta o fundamental, a arma. A violencia sermpre é armada e no sexo é o pene.
Nas súas memorias saen moitos nomes. Espertou reaccións entre os aludidos?
Están saíndo cousas de homes que non están satisfeitos, pero sen capacidade para criticar, nen argumentos. O tema sexual non o tocan para nada, para eles segue a ser tabú. Na poesía so se tratou o sexo cando entraron as mulleres, antes como moito trataban a pornografía. A miña obra "Despertar dos amantes" foi a primeira de poesía lésbica. Tería que o ter deixado claro antes, así se acababa co "díxome díxome".
Sentíuse sinalada?
Claro. Falábase de min e tamén das outras. Eu son lesbiana intelectual, pero moitas que o sentían dende sempre, morreron sen desvelalo. Na xeración anterior a miña había mulleres de clase alta que o eran e mentiron ata o final. Unha pena, terían axudado moito.
Como se define a si mesma?
Non sabería. Hai moitas cousas que me definen. Son unha persoa que non calo. Penso que dicir o que se cree é bo para a saúde,por eso creo que había que publicar estas memorias e traducilas. Hai que falar.
Cando bota a vista atrás, arrepíntese dalgo?
Ao feito, peito. Non me gusta chorar, o que foi xa foi. A miña vida tería sido distinta se o meu pai estivera vivo ou se a miña nai non tivera casado outra vez. Eu casei moi rápido. A miña nai dicía que tivera mala sorte co marido. Non creo que fora certo. Eu tería problemas no matrimonio con calquera. Son rebelde e nunca fun a esposa ao uso.

Te puede interesar