Galicia rende homenaxe a Don Paco, un “obreiro” da cultura

Abel Caballero, xunto co  grupo de goberno vigués, fixo a ofrenda floral no monumento e praza de Don Paco, tamén chamada Elíptica.
photo_camera Abel Caballero, xunto co grupo de goberno vigués, fixo a ofrenda floral no monumento e praza de Don Paco, tamén chamada Elíptica.
En Vigo, onde pasou boa parte da súa vida, o acto central foi na Praza Fernández del Riego, espazo que se estrea para eventos institucionais. En Lourenzá, onde naceu, os organismos políticos e culturais lembraron ao escritor e político na vila onde sendo infante empezou a ensaiar os seus discursos

A Praza de Don Paco (a de Francisco Fernández del Riego), sobre o centro comercial Praza Elíptica, inaugurouse onte como escenario de eventos sociais ao acoller o acto central do Día das Letras Galegas en Vigo. O vencello coa cidade do autor homenaxeado fixo que o Concello tomase  iniciativa para organizar unha actividade parella á que realizou na súa localidade natal de Lourenzá a Real Academia Galega, alma do 17 de maio.

 

 

Baixo un sol de xustiza e con pouca sombra, os membros do executivo local, encabezados por Abel Caballero, fixeron unha ofrenda floral ante o busto de Francisco Fernández del Riego, Don Paco para os amigos. A escultura, realizada por Álvaro de la Vega, foi inaugurada en xullo de 2000 polo propio homenaxeado e restaurada polo Concello na reforma da praza este ano.

A concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco, foi a encargada de ler o manifesto escrito por Malores Villanueva, unha das biógrafas do intelectual. O texto lembrou a súa chegada a Vigo en 1939, a súa complicidade con Paz Andrade, Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole pola loita a prol da cultura galega, a súa afección ao Celta, o seu papel da creación da Editorio Galaxia, da Fundación Penzol ou do propio Día das Letras Galegas, que agora protagoniza.

Pero tamén reseñou a súa doazón á cidade, dende a súa colección de arte como os seus fondos bibliográficos. “Nós somos responsables de que se cumpra a súa manda testamentaria que ansía unha Galicia dona de seu”.

El alcalde pechou as intervencións para lle recoñecer a súa responsabilidade do Día das Letras. Valente, xeneroso foron algúns dos adxectivo que lle adicou. “Viu Galicia a traveso de Vigo”. El defendeu que hai moitos xeitos de entender Galicia e a lingua dende distintas ideoloxías, “é de todos”.

Clausurou o acto a orquestra folk Son de Seu, que conmemorou os seus 22 anos de historia con repertorio de seis temas. Comezou con “Mar de Vigo”, con arranxos do seu director, Rodrigo Romaní, para finalizar con “Melchor en Cumieira”.

Noutro punto da cidade, nas escaleiras do Marco, en Príncipe, congregáronse centos de manifestantes demandado a normalización do uso da lingua propia, tal e como reclamou Don Paco ao longo de toda a súa vida. Convocados pola plataforma Queremos galego esixiron medidas para a presenza do idioma na vida pública despois de 40 anos da Lei de Normalización Lingüística. “Reclamamos de tódalas entidades locais que fagan visible o seu compromiso coa lingua galega, a que nos une e nos fai existir, non só con celebracións”. A iniciativa tivo lugar de xeito simultáneo en oito localidades máis.

No caso de Museo Etnográfico Liste sumouse a conmemoración coa entrega dos premios convocados co gallo do 17 de maio: os do concurso de fotografía (Ana García, primeiro posto; Pilar Buhigas, en segundo lugar e Manoel Souto Lorenzo, en terceiro posto) e de relatos (Carolina Dacuña, categoría A; Olivia Muíños, categoría B; Macarena Presas Braña, categoría C; Laia Rodríguez Conde, categoría D e Valentina Alemán Tunzi, categoría E).

Te puede interesar