Gonzalo Navaza, membro da Real Academia Galega

"Galicia é un paraíso para un toponimista; so aquí hai a metade de toda España"

Gonzalo Navaza, en el set de AtlánticoTV.
photo_camera Gonzalo Navaza, en el set de AtlánticoTV.

Filólogo e profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) tomou posesión como académico de número da Real Academia Galega, coa que colabora dende hai dez anos, traballo do que falou en Atlántico TV.

 

 

Que supón este nomeamento para o seu labor?

Eu viña traballando dende 2012 no seo da Academia como membro correspondente dentro da sección de onomástica na que tratamos os nomes propios, os da antroponimia (os de persoas) e os da toponimia (os de lugar). Agora nomeáronme académico de número, hai unha diferencia de grao, pero o mesmo traballo.

Como vai o anunciado dicionario de apelidos galegos?

Está en proceso de revisión. Traballei con tres compañeiros do seminario, Antón Palacio, Anabel Goullón e Luz Méndez, onde recollemos preto de 8.000 entradas dando información como a orixe etimolóxica.

Que apelidos teñen os galegos? 

Como os de calquera lingua, os apelidos galegos teñen tres orixes. A primeira, os patronímicos, non son moitos pero si moi abundantes. Os máis comúns en Galicia son Rodríguez e González que proceden de Rodrigo e Gonzalo. Hai algúns con forma galega como Vázquez procedente de Vasco, o correspondente castelán sería Velázquez, de Velasco. A segunda, os toponímicos, segundo o lugar de procedencia, como Abalde, onde o único núcleo de poboación no planeta con ese nome atópase en Beade, así quen leve este apelido ten antepasados con esta procedencia. E a terceira, é o alcume, en referencia ao físico, o carácter ou os oficios,  en Galicia existe Fariña e Fariñas, unha broma que se refire a muiñeiro, un apelido existente noutros ámbitos culturais.

Como se conserva a identidade galega nos apelidos?

Bastante atrapallada. Foi alterada para someterse á grafía do castelán, Requejo por Requeixo, ou simplemente desgaleguizáronse como Sotelo por Soutelo (en castelán sería Soutillo).  Faise máis vixente nos de orixe toponímica, onde a fonte recuperou a forma orixinal como Seixo, pero segue a haber  Seijo. Agora pódese legalmente solicitar no rexistro a restauración do xeito galego.

Na recuperación da toponimia, dende a RAG fomentan a participación da cidadanía. Cal foi a resposta popular?

Hai máis de 20 anos fíxose un proxecto toponímico de Galicia, no que tentaba recoller toda a toponimia viva colocar nun mapa xeoreferencial, foi lenta pola cantidade de toponimia que temos, xa que en Galicia conflúen todo para favorecelo: a orografía irregular, a dispersión da poboación, os minifundios o a auga), é o paraíso para un toponimista. Conseguíronse máis de 2.000, pero coa crise cancelouse. Recuperouse agora cunha aplicación para móbil, “Galicia nomeada”, na que se pide a colaboración da xente, onde poden un lugar concreto. Xa andamos por medio millón recollidos e localizados, a esperanza é superar tal vez os dous millóns de toponimos. O número de nomes de lugares en Galicia é impresionante, xa chamou a atención o Padre Sarmiento, só en lugares de poboación é case á metade do que hai en todo España. É un tesouro que temos. 

E un patrimonio a valorar.

Hai que valoralo, pero ademais está protexido. Nos núcleos urbanos tenden a pensar que a aldea non ten historia, cando o territorio xa tiña moito pasado detrás. Cando se iniciou a construción do PAU de Navia, a Federación de Veciños, a Asociación de Toponimia e o Concello asinaron un acordo para respectar a toponimia tradicional como Teixugueiras que é o mesmo que Tanxugueiras. Era a práctica habitual ata o século XIX ata que comenzaron usarse os nomes da rúas como se foran un panteón para xente ilustre. Os organismos internacionais desaconsellan a toponimia honorífica, xa que é un modo de sepultar a tradicional.

Te puede interesar