Día das Letras Galegas

O galego en Vigo: moito máis coñecido, menos falado

Na lonxa do Concello todas as indicacións están só en galego.
photo_camera Na lonxa do Concello todas as indicacións están só en galego.
A maior cidade galega é, e con diferenza, o concello onde máis se fala en castelán, case que o 85 por cento de poboación. E vai avanzando cos anos

O Instituto Nacional de Estadística publicaba ao principio do ano un estudo para valorar o coñecemento de idiomas en España, facendo especial mención nas linguas cooficiais. Sete cidades galegas lideran a clasificación dos concellos onde máis se coñece a lingua propia: Ourense, Lugo, Santiago, Vigo, Pontevedra, Ferrol e A Coruña, por esa orde, presentan taxas de falantes por encima ou moi próximas ao 90 por cento, sen valorar o nivel de coñecemento. Con estes datos poderíase dicir que a saúde do galego é boa. Ou non. Porque ao mesmo tempo que en Vigo o 90 por cento dos cidadáns din falar ou coñecer o galego, apenas o utiliza o 15 por cento, en tanto que o 85 por cento dos vigueses falan só ou preferentemente en castelán. Non hai outro municipio galego onde isto suceda. E ademais, aínda que os datos máis recentes son de 2018, cada vez avanza máis o monolingüísmo en castelán. No estudo máis antigo, de 2008, case o 25 por cento dos vigueses usaba sempre ou habitualmente o galego. Por tanto, as xeracións máis novas foron deixándoo de lado. A cidade máis galegofalante é Santiago, pero nin sequera en Compostela é maioritaria a fala, malia que por pouco: o 47 por cento exprésase en galego e o 53 por cento en castelán. Logo, Lugo, con 44,7 en galego e o 55,3 en castelán e Ourense, onde o galego achégase ao 33,5 por cento. Na Coruña o castelán imponse con claridade, co 80 por cento, e aínda máis en Ferrol, co 17,6 en galego. Pero Vigo está por riba de todos e cada vez máis: pódese dicir que é unha cidade monolingüe en castelán. 

No estudo queda claro que en Galicia, o emprego do galego e o castelán vai moi á vez. Con todo, o idioma inicial (aquel no que empezan a aprender a falar) dos nados a partir de 1994 xa é de forma maioritaria o castelán, segundo sinala o estudo, algo que non sucedía nas xeracións anteriores mesmo na cidade de Vigo, onde o galego predominaba nas parroquias e barrios. Curiosamente, no Concello de Vigo todo, mesmo a información, está escrito só en galego.

As cidades galegas por riba de Alcoi e Pamplona


O estudo feito polo Instituto Nacional de Estadística sinala que en toda España o perfil lingüístico inclínase máis cara ao castelán nos municipios de máis de 50.000 habitantes, onde cada vez vive máis xente en detrimento do mundo rural. Malia todo iso, nos grandes concellos galegos a poboación asegura que entende ou fala galego, ata o 90 por cento dos cidadáns mesmo en Vigo, polo que figuran na cabeza en España. Segundo o INE, pódese dar por seguro que en Galicia hai máis coñecemento do galego que en Cataluña do catalán, e no País Vasco do éuscaro. De feito, só unha cidade do Mediterráneo, Alcoi, en Alicante, achégase aos niveis das urbes galegas.  Neste municipio da Comunidade Valenciana, dáse un coñecemento do 89 por cento  do valenciano, como dialecto do catalán. Moi por riba de Barcelona e mesmo de Girona ou Lleida. No caso do éuscaro, Pamplona supera a calquera das principais cidades vascas neste baremo. Un 73,4% afirma falalo en maior ou menor medida, mentres que a primeira cidade do País Vasco é San Sebastián, cun 67,8% de coñecemento.

Te puede interesar