A Estación de Ciencias Mariñas inaugura novos laboratorios

A vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez, visitou onte as novas instalacións de Toralla.
Tres anos e medio despois da súa inauguración, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT, amplía as súas instalacións incorporando novos laboratorios destinados á investigación mariña. As obras tiveron un custe de 345.000 euros.
Os novos laboratorios da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ocupan unha superficie de 200 metros cadrados e estarán adicados á xeoloxía, investigación no cultivo de peixes, fisioloxía de peixes e corentena para organismos mariños. ‘O que se fixo foron novos espazos baixo os módulos xa existentes de 60 metros cadrados para dotarnos de laboratorios de disciplinas e perfís que ata o de agora non tiñamos’, explica Ricardo Beiras, director de ECIMAT. Na actualidade o centra xa está a pleno rendemento e nel traballan uns 14 grupos de investigación da Universidade de Vigo. Coa inauguración destes novos espazos a Estación supera xa os 1000 metros cadrados de superficie, ampliados desta volta cunha tipoloxía de laboratorios dos que carecía. ‘Ata o de agora só podiamos cultivar larvas’, explica Elsa Vázquez, vicerreitora de Investigación, e co novo laboratorio ‘será posible continuar con peixe de gran tamaño’. No caso do laboratorio de corentena trátase dunha esixencia normativa que obriga a dispor dun espazo para desparasitar e observar aos animais que veñen de fóra antes de incorporalos á Estación. Tanto Ricardo Beiras como Elsa Vázquez destacan a singularidade das infraestruturas das que dispón. Son infraestruturas punteiras, destaca Ricardo Beiras que sobre todo se pon de manifesto cando coñeces outros laboratorios de ciencia mariña que son unha referencia. ‘Por unha vez non somos a Cincenta en temas de investigación’, subrayó o director do centro.

Unha marquesiña para embarcacións

Unha marquesina para embarcacións será a próxima actuación a desenvolver na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, que oferta os seus espazos non só aos investigadores da Universidade de Vigo, senón tamén a OPIs doutros organismos de I+D. Sen embargo o futuro da Estación de Ciencias Mariñas tamén debe pasar, segundo explica o seu director, polo reforzamento na transferencia de I+D ás empresas. ‘Non temos espazos para plantas piloto de empresas ou para procesos de demostración e ese é un pouco o futuro polo que poderiamos ir’. Na necesidade de continuar medrando tamén coincide a vicerreitora de Investigación da Universidade, Elsa Vázquez, sobre todo pensando en Campus do Mar e en todos os socios cos que imos traballar. Sen embargo que aínda que recoñece que ‘os investigadores somos como os gases que se expanden no espazo e sempre necesitamos máis’, para o presente coa incorporación destes novos laboratorios Elsa Vázquez considera que as necesidades de Estación de Toralla quedan cubertas.

Te puede interesar