MARÍA XOSÉ PORTEIRO, Presentou onte o súa novela “Sándalo”

“Escribo agora esta novela porque xa teño madurez para poder entender o que pasou”

María Xosé Porteiro, onte, na presentación de “Sándalo”.
photo_camera María Xosé Porteiro, onte, na presentación de “Sándalo”.

María Xosé Porteiro (Madrid, 1952), xornalista, política e escritora, fixo pública onte a súa segunda novela, “Sándalo”, na librería Cartabón. Acompañárona o crítico literario Ramón Nicolás e o editor de Galaxia, Carlos Lema. Antes do acto presentouna para os lectores de Atlántico.

En “Sándalo” fai un percorrido por douscentos anos de historia de Galicia e do mundo. É a memoria de varias xeracións?
Podería ser unha saga ou tamén varias xeracións. É a historia dunha familia que medra e convírtese en moitas. Teñen un pé en Cuba e outro aquí. Conto a realidade das cousas con sucesos históricos.
De feito combina os personaxes ficticios cos reais. Cal é a súa conexión?
Aparece entre outros Castelao, pero tamén personaxes creados como Lumira, que se presenta como a filla do comandante Riego. Dialogan entre si e comparten escearios reais e lugares moi concretos como La Habana ou a comarca do Eo, onde de verdade aconteceron algúns feitos e outros poderían ter pasado.
Canto ten esta novela da súa vivencia persoal?
Unha das curiosidades desta novela é que parte dun coñecemento moi profundo e moi real. Eu vivín en Cuba dende os 4 aos 14 anos, sentíame implicada coa revolución. Esa parte é o máis orixinal e propio que ten a trama.
Por que se decidíu a escribir e publicar agora, neste intre concreto, “Sándalo”?
Escríboa agora porque xa teño a madurez para entender o que pasou, para comprender esa época, así como todo o que puiden estudar e coñecer da historia de Galicia e da mesma migración. A miña experiencia axudoume  a facer un xogo literario co que poder contar a historia que realmente non se coñecer e a través da ficción fiar o contexto real e facelo verosimil. Non ten maiores pretensiones que recoller o que aconteceu.
A novela documenta e reproduce unha época moi ampla entre dous continentes. Como foi o proceso de elaboración?
Escribila foi unha cousa, e pensala foi outra. Tiven tempo de documentar os anos 50 en Cuba, os que eu vivín. Levoume tempo ordear as miñas lembranzas. Estou feliz por telo logrado e sen que supusera un trauma.
E como se sinte agora que xa ten a criatura nas mans?
Estou horrorizada, entrei en pánico total. Aínda que teño experiencia como escritora e xa teño unha novela, non me considero unha novelista, non é o que me caracteriza. Faime ilusión, pero tamén teño medo.

Te puede interesar