Dez escritores implícanse nun “cadáver exquisito” sobre Vigo

Ledicia Costas, Pedro Feijoo, María Reimóndez, Domingo Villar, María Xosé Porteiro, Marcos Calveiro, Francisco Castro, Rexina Vega, Manuel Esteban e Inma López Silva coinciden nun mesmo proxecto literario, a creación dun relato conxunto con narrativas encadeadas. Os autores teñen total liberdade creativa, máis deben continuar a historia onde a deixou o seu predecesor para que o relato unha vez estea completado teña sentido. 

A única condición é que transcorra en Vigo. A primeira aportación foi a de Ledicia Costas, que  xa se pode ler tanto na revista física de “A Movida” de maio (dispoñible en diferentes locais da cidade de forma gratuíta) como na súa versión dixital. Neste primeiro capítulo, o Edificio Simeón, emprazado na Porta do Sol, colle un especial protagonismo; ademais a escritora fai referencia a outros elementos da cidade como o “Sereo” de Francisco Leiro, en Porta do Sol ou “A ninfa e o dragón” no Paseo de Alfonso. “Que cousa tan linda participar neste relato compartido, participaremos moitas autoras e autores de Vigo e arredores; a ver que sae deste experimento”. Compartíao así Ledicia Costas hai uns días nas súas redes sociais, ao tempo que adiantaba o seu inicio: “Cheguei onte a Vigo. O tren deixoume na estación ás 23:50…” Pedro Feijoo xa ten domado o relevo. O resto dos relatos iranse publicando mensualmente coa chegada dun novo número desta revista cultural. Este proxecto impulsado pola publicación “A Movida” conta co financiamento da Xunta de Galicia.

Te puede interesar