CULTURA

Desertores descobre á Xela Arias letrista de rock

Diante, Valerio Araujo; detrás, Pablo Garrido, Humberto Heredia, Juan Díaz e Paco Araujo.
photo_camera Diante, Valerio Araujo; detrás, Pablo Garrido, Humberto Heredia, Juan Díaz e Paco Araujo.

A banda, disolta en 1998, volve a tocar en directo para homenaxear á poeta interpretando as cancións que escribíu

“Xela tiña una faceta da que non se está tratando, ela escribíu letras de cancións e nós démola a coñecer por toda España, onde Desertores vendeu perto de 25.000 copias”.  Así, Valerio Araujo presenta o concerto que o vindeiro 15 de maio dará coa súa banda en Mondariz, ás 19:30 horas. Interpretará doce temas de Xela Arias, dez incluídos nos seus discos e dous, “El booguie” y “Nena alcohol”, aínda inéditos. “Son en castelán porque así o requería o panorama musical de entón, a comezos dos 90”, apunta o vogalista do único grupo que pode presumir de ter  á poeta das Letras Galegas 2021 como letrista: “Xela formaba parte de Desertores e Desertores de Xela, eramos unha comunión perfecta”.

Araujo explica que Xela comezou a compoñer para o grupo porque xa era fan, “gustáballe o rock e escoitaba de todo, pero xa entón tiña un xeito moi particular de escribir, as súas cancións falan de amor e desamor cunha sensibilidade especial, non foi unha poeta ao uso que lle canta ás flores, ao sol e ás estrelas, as súas mensaxes dicían cousas como 'soy un puñal y la vida me va desangrando”. Lembra que o proceso creativo tiña o seu aquel, “ela pasábanos as letras para musicalas  e para tentar asumilas, cando lle pedía unha aclaración para entendelas, nunca me daba unha explicación real, dicía que eran cousas persoais; sempre compredeu como tiña que ser a letra dunha canción, diferenciábaas moi ben dun poema; aínda que era doado musicalizalas, se había que cambiar unha palabra, dicíamosllo e non lle gustaba nada, daba mil voltas para poder encaixala”.

A primeira vez que Desertores tocou unha canción de Xela foi en 1987. Xúntanse despois de  23 anos para homenaxear a súa letrista. Valerio estará acompañado por Humberto Heredia, Juan Díaz, Paco Araujo e a incorporación de Pablo Garrido co saxo “que lle vai moi ben ás cancións de Xela”. Preparan un espectáculo coa interpretación de bloques de tres cancións, intercaladas pola declamación de poesía.

Te puede interesar
Más en Día das Letras Galegas