Defensa da Sanidade Pública de Vigo pide ao Concello que manteña a súa negativa a colaborar para un hospital 'privado'

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Vigo atribuíu o rexeitamento do goberno local a asumir as acometidas do novo hospital a unha 'defensa do carácter público' da nova infraestrutura 'que pretende ser privatizada pola Xunta'. Por iso, pediulle que 'se manteña firme na súa negativa a colaborar cun proxecto de hospital privado financiado con fondos públicos'.
A través dun comunicado, a asociación considera que as declaracións de membros do PP nas que avanzan que recorrerán 'a todo' para evitar que o alcalde, Abel Caballero, paralice o hospital 'están dirixidas a ocultar os problemas de financiamento' que, segundo mantén, padece a nova infraestrutura sanitaria. A xuízo do colectivo, estas dificultades derivan do 'carácter público-privado' da iniciativa.

A este respecto, indica que 'as entidades bancarias que deberían financiar a obra teñen gravísimos problemas de solvencia económica' e estima que 'é máis que previsible' que en xuño os traballos de construción poidan quedar paralizados 'por falta de fondos'.

Ademais, a Asociación alude á nova Lei de Transparencia anunciada polo Goberno central e, baseándose nesta transparencia, pide á Xunta informe sobre o proxecto de execución da obra e aclare 'o número de camas, servizos e recursos' cos que vai contar a infraestrutura.

Te puede interesar