CONFERENCIA DE ALCALDES EN PONTEVEDRA

Debate sobre as políticas municipais para a reconstrución post-covid-19

A asamblea xeral de Eixo Atlántico celebrada en Maia, en 2018.
photo_camera A asamblea xeral de Eixo Atlántico celebrada en Maia, en 2018.
O  Eixo Atlántico organiza en Pontevedra a primeira Conferencia de Alcaldes post covid- 19 o vindeiro xoves, día 17 de setembro, na que os 31 alcaldes que confirmaron a súa asistencia debaterán, cun conxunto de expertos de alto nivel, as políticas a desenvolver no marco do proceso de reconstrución para a superación da crise provocada pola pandemia, ao tempo que para reforzar a resiliencia das cidades para previr os efectos de vindeiras crises que se poidan producir.


É a primeira vez que na Península Ibérica, tanto en España coma en Portugal e posiblemente en Europa, os alcaldes dos dous países que constitúen un sistema urbano transfronteirizo, asumen conxuntamente o liderado do proceso e se reúnen para atopar solucións comúns e complementarias, para a maior crise que viviu Europa dende a Segunda Guerra Mundial.
Os concellos xogaron un papel determinante na xestión da pandemia, tanto polo mantemento dos servizos no medio do confinamento como garantindo os servizos sociais esenciais á poboación que máis estaba a sufrir os efectos dunha crise inesperada, e polo tanto para a que non se previra ningún tipo de medidas. Pero tamén a crise permitiunos comprobar aspectos inéditos que se deben considerar con carácter prioritario na nova etapa que se abre.
O confinamento produciu a desaparición case total do tráfico nas cidades, o que levou a un cambio radical na mellora da calidade do aire e con iso dos aspectos sanitarios nos que inflúe negativamente a contaminación. Esta situación ten que condicionar o modelo de mobilidade das nosas cidades, reforzando unha mobilidade sustentable a través de medidas como o incremento do transporte público e colectivo e a diminución do vehículo privado
Outros aspectos como a dependencia excesiva de terceiros países especialmente do sueste asiático na produción de bens, a falta de reforzo da sanidade pública, ou o déficit de investimentos na investigación, mostraron o seu efecto máis perverso durante a crise, e son medidas que as cidades e os gobernos deben corrixir. A creación de emprego e actividade económica, con especial atención a que tipo de emprego e que tipo de actividade económica, a calidade sobre a estatística e apostando pola excelencia e o valor engadido en base á investigación e innovación, as políticas sociais dando apoio aos que están a sufrir a crise, pero apostando pola innovación e emprendemento, fronte aos subsidios de carácter populista e o reforzo da sanidade, a educación e as políticas ambientais, serán os eixos sobre os que debaterán os Alcaldes e os expertos en Pontevedra.

Expertos internacionais
Entre os expertos que confirmaron a súa asistencia atópase Carlos Moedas, ex Comisario Europeo de Investigación, Ciencia e Innovación, José Soeiro, quen durante máis dunha década foi responsable do Instituto Financeiro de Desenvolvemento Rexional de Portugal e posteriormente Presidente da Axencia para o Desenvolvemento e Cohesión, María João Rauch consultora da OCDE, Anxo Carracedo, Catedrático de Medicina Legal, investigador, membro da Real Academia Galega de Ciencias e ex director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago, Emilio Fernández Suárez, Catedrático de Ecoloxía, Ex Director Xeral de Desenvolvemento Sustentable da Xunta de Galicia e até hai pouco comisionado do Campus do mar, Andoni Aldekoa profesor Convidado da universidade George Washington, Fernando González Laxe, ex Presidente da Xunta, Catedrático de Economía Aplicada e co Director do Foro económico de Galicia, Carmen López, avogada experta en emprendemento e mentora de proxectos emprendedores na Escola de Organización Industrial, José Luís Méndez Romeu ex Secretario de Estado de Cooperación, ex Conselleiro de Presidencia, Administración Pública e Xustiza da Xunta e experto do Eixo Atlántico en administracións públicas.
Por videoconferencia participarán desde Bruxelas José Palma ex Director de Cooperación da Comisión Europea e experto do Eixo Atlántico en políticas comunitarias e fondos europeos, desde Florencia Miguel Poiares Maduro, ex Ministro de Desenvolvemento Rexional e director do Instituto de Estudos Europeos de Florencia, desde París Joaquim Oliveira Martins, Director Adxunto do Centro de Emprendemento, PEME, Rexións e Cidades da OCDE. Que aínda que inicialmente estaba prevista a súa presenza, as actuais circunstancias especialmente para os viaxeiros procedentes de España impediron a súa presenza física, aínda que participarán todo o debate por videoconferencia.

conclusións
O documento resultante do debate e as ideas que nel se expoñan, configurarán a base que o Eixo Atlántico vai propor aos gobernos de Portugal e España, así como á Xunta de Galicia, para que sexan incluídas nas políticas de reconstrución, tanto a nivel de xestión política como a nivel de financiamento. Ao mesmo tempo servirán de folla de ruta naquelas materias que sexan competencias dos concellos para poder acometer solucións de forma conxunta e complementaria, evitando a dispersión, a duplicidade e o enfrontamento nunha etapa na que é imprescindible unha xestión coordinada da crise.

Te puede interesar