LUÍS BARÁ Cabeza de lista do BNG por Pontevedra

“Coñezo as necesidades desta cidade, podo falar de calquera tema que ataña a Vigo”

Luís Bará naceu noutro lado da Ría, en Vilaboa.
photo_camera Luís Bará naceu noutro lado da Ría, en Vilaboa.

nnn  Luís Bará (Vilaboa, 1965), milita no nacionalismo galego dende 1990, formou parte do goberno municipal de Pontevedra e estivo ao fronte da dirección xeral de Cultura, de 2005 a 2009. Está comprometido coa recuperación da Memoria Histórica.

Antes de ser deputado, a súa imaxe política estaba vencellada a cidade de Pontevedra. Que concepto ten de Vigo?
Levo catro anos no Parlamento galego defendendo temas de Vigo. Amais nacín ao outro lado da Ría e teño vínculos de traballo coa cidade e contactos con tódolos colectivos. Coñezo as súas necesidades en sanidade, comunicacións, infraestructuras, da AP-9, podo falar de calquera tema que ataña a Vigo.
Cal é lugar que lle corresponde a Vigo no plan do BNG para Galicia?
Vigo xoga un papel protagonista no futuro de Galicia. Ten que recuperar o seu potencial industrial, na automoción e no naval. A dinamización do porto é outro tema esencial en Vigo. Para o BNG a desparalización da Área Metropolitana é importante. Ana Pontón quere retomar ese proxecto, que está relacionado con outras moitas necesidades como a do transporte metropolitano.
Con respecto ao ordeamento do territorio, semella que a crise do Covid destapou a inoperabilidade das provincias. Ven a darlle a razón ás teses do Bloque?
Está claro que as provincias son unha solución decimonónica que non responden á realidade de Galicia. Defendemos o desenvolvemento das áreas metropolitanas. A de Vigo non puido ser porque foi unha disputa de intereses partidistas. Os concellos deben traballar xuntos, xa que afecta a máis de 500.000 persoas.
Outra das leccións que deixou o estado de alarma é a dependencia que teñen entre si ambas beiras do Miño. Cal é a importancia que lle dá o BNG a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal?
Esta crise representou desaparación absoluta da Xunta, non deu á cara no peche de fronteiras, tiveron que ser os alcaldes das dúas beiras do Miño os que liderasen as demandas. Existe unha estreita cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, que tamén nos favorece como plataforma cara a lusofonía. Por iso é esencial o desenvolvemento de infraestructuras como o tren Vigo-Porto, co desenvolvemento da saída sur, no que o apoio do Estado é fundamental. Interésanos fomentar o diálogo co Norte de Portugal en distintas materias e fortalecer as relacións. É algo que xa manifestou en varias ocasións Ana Pontón.
Cal sería a primeira acción que abordaría dende a Xunta con respecto a Vigo de xeito urxente?
O tema das axendas urbanas busca que dende o Goberno se poñan en marcha políticas que fagan as cidades máis sostibles e habitables, favorecendo a cohesión social. Creo que é unha tarefa pendente en Vigo. Fomentaríamos o comercio local fronte ás grandes superficies, como o macrocentro comercial que se camufla trala cidade deportiva do Celta en Mos e que o BNG non vai permitir porque é perxudicial para o territorio.
Amais de ser a primeira muller presidenta, que aportaría Ana Pontón á Xunta?
Detrás ten un proxecto político diferente, sen ataduras, centrado no pobo galego. Está chea de dinamismo, é valente e capaz de se por ao fronte do país. Está orgullosa de ser galega e mostra unha imaxe diferente de Galicia, en cor.n

Te puede interesar