César Portela: “Como no cine, en arquitectura a obra é colectiva”

Javier Romero fixo entrega onte da medalla a César Portela.
photo_camera Javier Romero fixo entrega onte da medalla a César Portela.
A asociación Évame Oroza entregou a súa primeira medalla conmemorativa ao arquitecto pola súa contribución á cultura

César Portela (Pontevedra,1937) acudiu onte, aínda sorprendido pola distinción, a recoller a primeira medalla honorífica, deseño de Cuqui Piñeiro, que a asociación Évame Oroza entrega en recoñecemento da achega cultural e o compromiso social.

Nunha breve intervención, o homenaxeado lembrou a un colega Xosé Bar Boo (Vigo, 1922, Santiago, 1994), “un gran arquitecto e unha gran persoa”. Asegurou que “como no cine, en arquitectura a idea pode ter unha autoría, pero para que se faga realidade precisamos de moitos colaboradores, é unha obra colectiva e cando te dan un premio sempre hai que compartilo cos mestres dos que aprendiches como Bar Boo, cos colaboradores que fan os cálculos, os delineantes que o trazan, os xefes de obra, os canteiros os albaneis, os peóns, todos forman parte do resultado final, se só se fai un debuxo non queda máis que nunha idea”.

Para Portela, é tan importante na traxectoria dun arquitecto o que asina como o que rexeita. “Hai que xulgarnos polas obras que facemos e polas que non, eu presumo máis destas últimas”, asegurou.

A distinción foi especialmente emotiva ao levar o nome dun amigo, tal  e como explicou: “Oroza era un poeta e unha persoa extraordinaria, coñecéramonos en Madrid e nos atopábamos sobre todo en Pontevedra, onde lle gustaba ir pasear, gustáballe camiñar só e Vigo ten unha estrutura urbá máis enérxica; a unha persoa se lle pode coñecer polos amigos que ten, e tamén polos seus inimigos que coa miña profesión se fan uns cantos, eu presumo de ambos”.

Portela gabouse de medalla e solicitou a admisión na asociación, que xa supera os cen socios. “Este tipo de iniciativas son as que realizan actividades que non cubren as oficiais, son as que fan falla”.

A entrega que tivo lugar na antiga Casa da Collona, sede de Évame, reuníu a unha vintena de amigos entre os que estaba o tamén arquitecto  Xosé Manuel Casabella, o artista Paco Santomé, o fotógrafo Anxo Cabada; Xavier Zas, xerente de Conde de Albarei ou a artista Menchu Lamas. Antes de compartir un xantar de confraternización do Rincón de Oroza, no restaurante El Castro, no Paseo de Alfonso, o artista Antón Patiño dirixiu un debate co arquitecto. “É moi difícil resumir a vida e a obra de César Portela”. Así, comezou lembrando onde se coñeceron, a través do tamén arquitecto Alberto Pacheco e a militancia común na Asemblea Popular Galega, “daquela estaban a construír a AP-9 e defendías vías alternativas que vertebraran o territorio fronte a unha única con peaxe”.

Como arquitecto, Patiño destacou a súa defensa do popular, da liña clara ou da poesía na súa obra “para el todo o que sobra no edificio é un fraude; representa unha resistencia que o identifica con Antonio Palacios nunha Galicia moderna que busca a súa identidade e onde o granito sempre está presente”. Reseñou a pegada que deixou na súa obra o círculo intelectual do seu pai, composto por poetas e pintores con conciencia galega.

Nese achegamento que o artista fixo da filosofía do arquitecto apuntou a importancia que para Portela ten o mar, “da que di é a palabra máis fermosa”.

César Portela, Medalla de Ouro da Arquitectura, asina en Vigo o Museo do Mar (sobre o proxecto inicial de Aldo Rossi), o Verbum ou o Auditorio Mar de Vigo, que actualmente acolle unha exposición escultórico do seu fillo, Sergio Portela. Tamén son obra súa a rehabilitación de teatro Fraga ou a ampliación de Peinador.

Te puede interesar