O Casco Vello destinará 200.000 euros para novas rehabilitacións

O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) aprobou onte un incremento de 50.000 euros para o seu Programa de Actuacións en Edificios, Vivendas e Locais Comerciais destinado as obras de rehabilitación tanto no exterior coma no interior de edificios do barrio histórico.
En total, o programa que busca incentivar a rehabilitación entre particulares do Casco Vello contará no 2011 cunha partida de 200.000 euros.
Ata o ano pasado, este programa contaba cun orzamento de 150.00 euros, que se verá incrementado nun 33% co fin de paliar a desaparición doutro programa que o CCVV mantiña coa colaboración da Concellería de Patrimonio Histórico e que co nome de Programa de Fachadas e Cubertas estivo destinado ás obras de rehabilitación específicas nas fachadas e cubertas. Precisamente, a supresión do programa da Concellería de Patrimonio Histórico fará que o propio programa do CCVV -Programa de Actuacións en Edificios, Vivendas e Locais Comerciais- asuma tamén a rehabilitación nas fachadas e cubertas dos propietarios que o soliciten.
O CCVV (participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no restante 10% polo Concello de Vigo) contou dende 2006 cos seus dous programas destinados á recuperación e rehabilitación das propiedades particulares cos que completa as súas funcións rehabilitadoras, polo que durante a reunión celebrada esta mañá, o Consello de Administración decidiu trasladar ao Concello unha solicitude para que se manteñan as partidas económicas que a Concellería de Patrimonio Histórico viña destinando para este fin.
O Programa de Actuacións en Edificios, Vivendas e Locais Comerciais, financiado íntegramente polo CCVV, está destinado ás obras de rehabilitación tanto no exterior coma no interior de edificios, mentras que o Programa de Fachadas e Cubertas, que ata o de agora se desenvolvía en colaboración coa Concellería de Patrimonio Histórico, destinábase ás obras de rehabilitación de fachadas e cubertas.
Dende a constitución dos dous programas, o CCVV otorgou preto dun millón de euros -960.365,50 euros- en subvencións económicas, das cales preto de 690.000 euros foron do programa que sigue adiante durante o exercizo presente. En total, foron 80 as actuacións levadas a cabo a través dos dous programas de axudas á rehabilitación.

Te puede interesar