UNIVERSIDAD

O campus fala de neofaltantes nas linguas minorizadas

A Facultade de Filoloxía e Tradución acolle dende onte o Simposio Internacional NEOS.
photo_camera A Facultade de Filoloxía e Tradución acolle dende onte o Simposio Internacional NEOS.
Filoloxía e Traducción aborda os resultados de diferentes proxectos de investigación e buscan un futuro para estas linguas
nnn“Levamos dez anos traballando arredor do suxeito neofalante e precisamos saber onde estamos e cara onde debemos camiñar para entender mellor a súa repercusión, relevancia e necesidade nos contextos de linguas que se atopan nunha situación comprometida, límite nalgúns casos”, explica Fernando Ramallo, docente e investigador da Universidade de Vigo e organizador xunto a Rubén Moralejo do Simposio Internacional NEOS. De neofalante potencial a falante activa dunha lingua minorizada, que se celebra na Facultade de Filoloxía e Tradución. Ao longo de dous días, expertos nacionais e internacionais abordarán o neofalantismo e o seu suxeito en xeral, ao tempo que dialogarán sobre o neofalante potencial e as posibilidades de converterse en falante activa destas linguas, nas que “as e os seus falantes quedaron fóra da distribución dos recursos de acceso a unha vida sociolingüística normal, entendendo por normal, o seu uso en todos os ámbitos do día a día. É dicir, dun ou doutro xeito son linguas que sufriron unha notoria estigmatización, incluído o seu desprazamento social, político, económico, educativo e cultural”, sinala Ramallo, que ata finais de ano seguirá a compaxinar as súas tarefas académicas co labor como membro do Comité de Expertos sobre Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa.
Ata mañán abordarán os resultados de diferentes proxectos de investigación e debaterán sobre distintas cuestións. A sesión de hoxe abrirase cunha conferencia plenaria a cargo de Jacqueline Uria sobre a importancia etnográfica para o avance do coñecemento destes procesos de transformación. “En proxectos anteriores, dedicámonos a coñecer subxectividades, historias da vida, posturas ideolóxicas, etc. de neofalantes reais e agora estamos co pre-neofalantismo, considerado de capital importancia desde a lingüística política”, explican os organizadores.
Na inauguración do simposio, o secretario xeral de Política Lingüística incidiu na importancia de captar e fomentar o neofalantismo “para buscar un futuro para as linguas, creo que mal chamadas minoritarias ou minorizadas, porque a apertura dun escenario onde hai que gañar falantes, onde as linguas deixan de ter unha transmisión xeracional tan forte como tiñan antes, faise imprescindible que a sociedade e os diferentes axentes actúen como motor de captación para que a cidadanía se anime, cada vez máis, a utilizar a lingua que non usa habitualmente”. Valentín García reivindicou un status de “persoa interesante” para o neofalante, considerado na neolingüística ortodoxa como un falante de segunda ou terceira categoría e demandou a implicación da sociedade “para que ninguén se ría ou faga chanza de quen non fala ben algunha das nosas linguas. Creo que o futuro das nosas linguas pasa polo neofalantismo e os neofalantes”, afirmou o secretario xeral de Política Lingüística.
Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, avogou por darlle unha oportunidade ás linguas propias que non se utilizan e asegurou que “é imporante que te animen a lanzarte a falar con erros e eivas”. A vicerreitora tamén alentou a amosar a  cara positiva da aprendizaxe dunha lingua, aínda que non sexa ortodoxa, “convertendo esta ferramenta de comunicación en algo positivo”. Desde o grupo de investigación Grades, o seu coordinador, Antonio Rifón, destacou o carácter “homoheteroxeneo” do mesmo pola súa dedicación a diferentes ramas de estudo da lingua e tamén por enfocarse directamente na conexión da lingua na sociedade.
Galicia, Aragón, Euskadi, Cataluña, País Valenciano e Bretaña/Lusatia centran os casos de estudo que se abordarán ao longo dos días que dura o simposio.n

Te puede interesar