CARLOS NÚÑEZ Gaiteiro vigués, inicia a xira ‘Lugares Máxicos’

“Cada ría ten a súa personalidade que se reflicte na gaita, a de Vigo é a da paixón”

Carlos Núñez presentou a súa xira “Lugares Máxicos” en oito enclaves.
photo_camera Carlos Núñez presentou a súa xira “Lugares Máxicos” en oito enclaves.

 Máis que intérprete, o erudito da música celta, Carlos Núñez comeza este venres en Pazo Baión a súa xira “Lugares máxicos”, unha proposta musical que iniciou hai cinco anos e que o leva a tocar en escenarios con encanto ante aforos reducidos. Serán sete actuacións nos vindeiros quince días por Celanova (8), Melón (9), Monteferrro (15 e 16), Marín (16) e Sober (22), con dúas datas no exterior, en Jaca (11) e en Barcelona (13). A súa cidade queda fóra con pesar do artista: “Sabes cando foi a última vez que toquei en Castrelos?”, inquire ao lle preguntar polo motivo, “foi en 2004”. Nesa actuación gravouse o disco “Carlos Núñez & amigos” ante 30.000 espectadores, onde conmemorou os 20 anos en que con 13 era descuberto por The Chieftains e iniciaba a súa carreira internacional.

O máis perto de Vigo que estará este verán será en Nigrán, unha zona que xa foi castigada polos incendios forestais. Mantense en pé a localización do concerto?
Estabamos moi preocupados e falamos co alcalde. Parece que a zona do solpor onde terá lugar o concerto non se queimou. Levamos un bo susto. Hai que coidar a masa forestal galega.

Nesta xira coa música pon en valor a contorna onde toca, de onde xorde o concepto de solpor que haberá  en Monteferro?
Sempre me sorprendeu como se vive o solpor nas terras costeiras. No interior os mitos celtas previviron nas lendas das fontes, onde ía a moza a atoparse co cervo, o seu amante; pero na costa os elementos máxicos concéntranse no mar, de aí as cantigas de Martin Codax. En California ou Río de Janeiro aplauden ao solpor como un espectáculo que lles ofrece a Natureza. Aquí vívese nun xeito máis íntimo. Eu sei de xente que víu na Ría o raio verde, que asegura o amor eterno. En Monteferro o solpor é único e como pasou coa Ría hai unha relación máxica co mar.

A proposta resultou a atractiva, o aforo agotouse en media hora.

Pensamos nalgo malandro. Decidimos que os instrumentos e o equipo durmisen no monte e dar outro concerto, desta matutino, non ao mencer como xa fixen en Arxentina ou como era nas alboradas, pero si ás 11 horas.

“O meu segredo é que vivo en confinamento”

 Semella que presenta algo máis que concertos?
É unha verdadeira aventura, o que ten contan, o que aprendes. Adentrarse en Celanova, que é unha pequena Viena, tocar nun dolmen ou en Campo Lameiro. É unha experiencia día a día, a parte do que se ve, é a enerxía que desprende. Esto descubrino de moi pequeno. Só sabía toca dúas pezas, pero non era o que tocaba, era cómo o facía. O meu segredo é que vivo nun pequeno confinamento, estudando e cando toco deixo saír a enerxía. Procuro experiencias polo mundo e en Vigo me concentro.
E no confinamento rematou a transcripción da obra de Ricardo Portela que cedeu de xeito gratuito.
Levaba 30 anos traballando e levándoo por todo o mundo, pero sen o confinamento non sae. Xa está dispoñible na web do Consello da Cultura Galega e en septembro sae nunha edición de luxo en papel. Non foi un traballo, foi unha misión. Grazas a todo o que aprendín con Portela e da transmisión popular puiden voar. Cada peza de Portela pode ter 500 notas e o 60% son ornamentos que se conservan oralmente, debín escribir unhas 20.000 notas. Misión cumplida. A gran sorte de Vigo foi a combinación da tradición de Antón Corral e Portela coa modernidade desta cidade.

‘‘Tocarei música celta de Beethoven’

 Que repertorio vai escoller para unha posta en escea tan especial?
Cada localización ten o seu propio repertorio. Monteferro, na Ría de Vigo, sempre estivo ollando cara América, haberá música de Brasil, doutra beira. E tamén estrearei algo descoñecido, tocarei a música celta de Beethoven. Cúmprense 250 anos do seu nacemento e fixera unha escolma para un concerto en Bonn, que tivo que ser aplazado, pero darei un adianto en Nigrán duns temas nos que levo traballando 15 anos. Beethoven revolucionou a música clásica coa celta, son 200 pezas das súas últimas produccións. A entrada e a saída da séptima sinfonía é música irlandesa. Acompañaranos a cantante irlandesa María Ryan, con formación clásica y folk.
E que hai dos outras esceas?
Vou tocar por primeira vez en Marín e quero facer fincapé na música do mar, inspirada en corsarios e piratas. O pazo de Baión, no Salnés é un mundo distinto, relacionado con Pontevedra e os últimos gaiteiros, máis antigos, máis ceremoniais. Creo que cada Ría ten a súa personalidade que se reflicte na gaita. A de Vigo é a da paixón desbocada, unha alegría á que tira Vilagarcía, aínda estando ao norte. Teñen un toque latinoamericano que lle fascinaba a Ricardo Portela.
‘Lugares máxicos’ xa contempla os aforos reducidos?
Hai cinco anos semellaba de marcianos. Vino fora e quixen traer a terra. A música busca lugares inusuales, abertos, sen masificacións.

Te puede interesar