Vigo

O BNG, contra as leis que fomentan a acuicultura intensiva

Carme da Silva visitou onte unha batea da ría de Vigo.
photo_camera Carme da Silva visitou onte unha batea da ría de Vigo.

Subida a bordo do galeón ‘San Martiño’, un barco de traballo das bateas da ría de Vigo, a candidata do BNG ao Congreso dos deputados, Carme da Silva, asegurou que o Bloque Nacionalista Galego será un dique fronte ás políticas do Estado que queren potenciar a acuicultura intensiva e defenestrar o modelo de cultivos mariños naturais actual, do que as bateas de mexillón son un exemplo. 
 

A nacionalista subliñou que o obxectivo do BNG en Madrid será defender as rías galegas e o seu saneamento para potenciar a pesca, o marisqueo e a acuicultura natural de forma equilibrada co fin de xerar riqueza e emprego de forma sustentable. Indicou que é fundamental poñer freo ás normativas impostas dende o Estado e a UE baseadas no consumo e que apostan por unha produción masiva dos cultivos pero que supoñen un perigo para a cadea atrófica e o medio sensible das rías, das que se deben aproveitar moitas facetas. “Ten que haber un equilibrio e que a explotación das nosas augas non entre en contradición cun modelo sustentable. O noso modelo non é o dos países nórdicos. Temos unhas condicións moi diferentes e debemos fomentar un modelo que garanta a propia acuicultura de maneira limitada, a pesca e o marisqueo”, destacou, lembrando os problemas que podería supoñer a potenciación dos peixes de cultivo nas rías, cos seus correspondentes pensos e medicacións.

cota da xarda
Da Silva afirmou que coa acuicultura pode acontecer, ademais, o mesmo que sucede a día de hoxe coas cotas da xarda: que tendo Galiza a maior capacidade de producir e sendo unha nación altamente dependente da pesca sexan outras zonas do Estado as que leven os beneficios. A cabeza de lista lembrou, de feito, que tendo Galiza o 50% da frota só dispón do 25% da cota, mentres que Euskadi co 15% dos barcos dispón do 50% das capturas.

Te puede interesar