O BNG di que a cidade xa non soporta máis “arboricidios”

Tala de árboles en Coia la semana pasada. // Vicente Alonso
photo_camera Tala de árboles en Coia la semana pasada. // Vicente Alonso
O BNG urxe un plan de conservación e protección do arboredo fronte á “motoserra depredadora” de Abel Caballero

O BNG urxe un plan de conservación e protección do arboredo fronte á “motoserra depredadora” de Abel Caballero. Así o demandou o portavoz municipal do BNG, Xabier Igrexas, após unha nova talla masiva de árbores nos últimos días nunha área de 2.500 metros cadrados no bulevar da Avenida de Castelao, onde apenas quedaron 3 exemplares de gran porte en pé. A fronte nacionalista interpelou sobre esta cuestión ao goberno municipal na Comisión Informativa de Medio Ambiente celebrada este luns para preguntar sobre a xustificación técnica e ambiental deste “arboricidio” no barrio de Coia. “A resposta foi a de sempre: un clamoroso silencio”, denunciou Igrexas.

O portavoz do BNG asegurou que esta actuación engádese a un longo historial de tallas inxustificadas por parte de Abel Caballero durante os últimos anos en diferentes ámbitos da cidade: Gran Vía, Ronda de Don Bosco, o monte do Castro, na praza da Miñoca, en Gregorio Espino, Martínez Garrido ou Samil. No mesmo sentido, criticou o “maltrato reiterado” contra os exemplares dos xardíns históricos da Alameda, “vandalizados” para ser postes de luces de Nadal, ou reformas como a peonalización da Porta do Sol que non contan con arboredo, agás un salgueiro chorón “enclaustrado nunha rídicula maceta-banco”. 

Fronte a esta situación, dende o BNG volveron demandar un plan de conservación e protección que garanta un axeitado tratamento do arboredo urbano, evitando o seu deterioro e perigosidade en situacións de alerta meteorolóxica. “A cidade de Vigo non soporta máis arboricidios que supoñen unha política suicida en termos ecolóxicos”, subliñou Igrexas.

Te puede interesar