Elecciones Municipales 28M

O BNG busca que Vigo sexa un axente a prol do uso do galego

O BNG, durante a manifestación de onte.
photo_camera O BNG, durante a manifestación de onte.

O Bloque Nacionalista Galego aposta por facer do Concello de Vigo un axente activo pola plena normalización da lingua galega. Así o afirmou o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, no inicio da manifestación convocada pola plataforma “Queremos galego” onte con motivo do Día das Letras Galegas.

“O Concello de Vigo ten que abandonar a política galegofóbica e ser un axente implicado en potenciar a plena normalización do uso do galego na maior cidade deste país para facer que gañe espazo e uso social”, defendeu Igrexas, que chamou a despregar accións concretas para “garantir o dereito de todos os vigueses a podermos vivir plenamente no noso idioma”. 

Nesta liña, o cabeza de lista nacionalista reclamou como primeira medida “aplicar e respectar” a ordenanza municipal de Normalización Lingüística, que establece o galego como lingua oficial do Concello. “Hai que poñer fin a esa deliberada e continuada exclusión do galego en todas as actividades, nomeadamente na programación cultural”, asegurou.

Igrexas propuxo ademais a posta en marcha de campañas de promoción do uso social do galego, pensando en especial na mocidade. “Temos que darlle oportunidades á xente nova de Vigo”, apostou, poñendo como exemplo a súa propia experiencia. “Eu como neofalante que case ata a adolescencia fixen uso practicamente en exclusiva do español, podo afirmar de maneira rotudna que o único acto de liberdade lingüística que puiden adoptar foi pasarme ao galego”, expersou.

O candidato do BNG afirmou que o galego ten que deixar de ser “unha anécdota e un elemento ornamental” para xornadas como este 17 de maio. “Temos que galeguizar Vigo como maior cidade de Galiza”, remachou.

Dende a fronte nacionalista tamén lamentaron o “desprezo” cara ao autor homenaxeado neste Día das Letras Galegas, Francisco Fernández del Riego, criticando que “apenas se fixo por dar a coñecer e valorizar unha traxectoria sen a que non podemos entender a historia recente da cidade nin do país”.

Te puede interesar